O mercado galego da automoción medra un 10 % en 2023
O mercado galego da automoción medra un 10 % en 2023
Acadaranse as 25.000 matriculacións, un 37 % menos ca antes da pandemia
Rexuvenecer e descarbonizar o parque móbil son os retos dos concesionarios galegos
O mercado galego da automoción recupérase a bo ritmo, segundo a patronal Faconauto. As vendas aumentaron un 10 % este ano, empurradas pola recuperación de stock nos concesionarios. Así e todo, con 25.000 matriculacións, aínda estamos lonxe das cifras anteriores á pandemia.
"Aínda non recuperamos os rexistros prepandemia. O que temos é que axudar a elixir coche ao cliente, houbo parada tamén porque están confusos. Eu creo que quen poida comprar eléctrico, fenomenal, pero, para quen non poida facelo, que haxa axudas de estado para axudalos a cambiar a unha mobilidade sostible", explica Marta Blázquez, presidenta de Faconauto.
Os modelos SUV son líderes en vendas en todos os tamaños. Cada vez son máis os compradores que optan por coches eléctricos ou híbridos, pero queda moito por camiñar na descarbonización. Precisamente este é o gran reto dos concesionarios.
"2024 é o ano da electrificación, vanse implantar moitos puntos de carga, creo que é vontade da Xunta, e iso dará tranquilidade ao cliente", di Marta Blázquez, presidenta de Faconauto.
"Teñen axudas no IRPF e na compra, e o aforro enerxético de cara ao o futuro con baixada do custo enerxético importante cada cen quilómetros", engade Bruno Brito, conselleiro delegado de Ideauto.
Faconauto urxe a renovación do parque móbil galego. A media de idade dos vehículos supera os 15 anos, o que, segundo apuntan, provoca problemas ambientais e de seguridade. Agardan que os prezos se vaian estabilizando, despois da forte suba experimentada nos últimos tempos.