O Breogán queda ás beiras de culminar a remonta ante o Hapoel (84-79)
O Breogán queda ás beiras de culminar a remonta ante o Hapoel (84-79)
O equipo galego chegou a ir perdendo por 18 puntos no terceiro cuarto (53-35) e púxose a un só a dous minutos do final (79-78)
O Río Breogán quedou a piques de culminar unha gran remonta ante o Hapoel Holon na terceira xornada da Basketball Champions League. O cadro galego chegou a perder ata por 18 puntos no terceiro cuarto (53-35), pero reaccionou ata poñerse a un só (79-78) cara ao final do partido.
O final do primeiro cuarto marcou o encontro. Dominaba o Breogán 11-14, pero recibiu un parcial de 16-0 (27-14) que os fixo ir a contracorrente durante moitos minutos. Os de Mrsic perdían no descanso por 43-33, en boa parte polo acerto no tiro exterior do seu rival (7/9 en triplas no primeiro tempo).
A desfeita chegou a ser de dezaoito, puntos pero da man de Sergi García e Momirov, sensacionais no terceiro acto, conseguiron poñerse a só tres puntos (60-57) con máis de dez minutos por xogar.
O último cuarto foi unha tirapuxa en que o Breogán se volveu achegar a só un punto (71-70), a que o Hapoel respondía cun 8-0. Outra vez os de Mrsic se puxeron a un (79-78) pero a última tripla israelí acabou por decidir o encontro.