Unha muller de 96 anos morre en Murcia despois do ataque de dous cans de raza perigosa

Os animais non contaban con microchip identificador nin con seguro

Os donos dos cans poderían enfrontarse a un delito de homicidio por imprudencia grave

G24.gal 30/10/2023 14:03

Unha muller de 96 anos atacada por dous cans de raza perigosa en Murcia morreu esta fin de semana no hospital onde permanecía ingresada. Os cans non tiñan chip nin seguro e os seu donos poderían enfrontarse a un delito de homicidio por imprudencia grave.

O ataque produciuse o martes pasado preto da súa casa, na localidade de Alguazas. Os animais, cruzamento das razas american staffordshire e american bully, escaparon do patio dun veciño cando os seus donos estaban ausentes e atacaron salvaxemente a muller, segundo contou o alcalde da vila.

Os cans morderon a muller en distintas partes do corpo e non a soltaron ata que chegaron os seus donos, impedindo de paso que a vítima recibira antes atención médica. "Colleron un pau, para darlles paus, e canto máis lles daban os cans máis se acendían. E ela dicía: 'Quitádemos que me comen'".

Os propietarios dos animais son dous irmáns, un mozo e unha moza de 24 e 25 anos, que poderían ser acusados dun delito de lesións con resultados de morte ou de homicidio por imprudencia grave. "Os cans eran potencialmente perigosos. Non tiñan nin seguro nin licenza, pero é que ademais non tiñan as vacinas nin estaban censados non Concello nin tiñan microchip".

Os dous animais están agora en corentena e baixo control veterinario. Este mediodía os veciños de Alguazas gardaron un minuto de silencio fronte á casa do Concello en memoria da muller falecida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade