Juan Gestal: "O gromo de lexionela da Guarda e do Rosal non é preocupante"

O profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública di que o período máximo de incubación son dez días e o último caso xa superou ese límite

Sinala que moitas veces resulta complicado detectar a orixe do gromo e a transmisión é por aerosois e "non persoa a persoa" 

G24.gal 22/11/2023 10:28

O profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública, Juan Gestal, analizou esta mañá no programa Galicia por diante da Radio Galega o gromo de lexionela que afecta os concellos da Guarda e do Rosal, onde hai dez pacientes infectados. A eses casos hai que sumarlles outros oito na zona portuguesa de Caminha. Malia que aínda non se deu coa orixe do gromo, o profesor Juan Gestal considera que "non é preocupante".

O profesor Gestal cre que "en Galicia parece xa remitiu e xa está liquidado se non aparece ningún caso novo nas próximas horas ou nos próximos dous días, porque o período máximo de incubación son dez días e o último caso, pola información que dispoño, produciuse o día 10, é dicir, xa van máis alá de dez días". 

Sobre a investigación da orixe do gromo, o profesor Juan Gestal explica que "ás veces resulta complicado" dar coa causa.

Indica que "a transmisión adoita ser por sistemas de calefacción, por condutos de calefacción por aire que poida ter algunha contaminación con terra porque as lexionelas son moi ubicuas no ambiente, terra con auga, e que os aerosois [que provocan a lexionela] poidan producirse por eses sistemas de aire acondicionado, polas torres de refrixeración, fontes ornamentais e mesmo búscase moitas veces, aínda que isto é máis difícil de encontrar e menos común, que puidera ser pola traída de augas e sistemas de auga quente acumulada pero isto é moito máis difícil de poder probar".

Juan Gestal detalla que "se se contamina algún sistema de auga sanitaria, de auga que se utilice para climatización, teñen que darse condicións de que esa auga estea estancada, parada, que se mova pouco e unhas condicións de temperatura entre 33 e 35, 36 e 37 graos para que a bacteria se desenvolva porque a contaminación dos sistemas de auga pode producirse pero son cantidades pequenas de bacterias e esas non conseguen despois ter efecto para producir casos. Teñen que multiplicarse e despois ten que haber un sistema de aspersión, algo que poña esa bacteria con pingas de auga en suspensión, que provoque aerosois porque sería a maneira de contaxiarse as persoas. Non hai transmisión persoa a persoa, senón só no ambiente a través de aerosois".

O especialista de Medicina Preventiva e Saúde Pública afirma que o contaxio deriva nun cadro de pneumonía bacteriana, que afecta moito máis os homes e a persoas de máis de 65 anos con algunha patoloxía como problemas respiratorios crónicos, diabetes ou cancro. Os máis graves son en persoas maiores de 80 ou 85 anos.

Sobre se é aconsellable que se poña en contacto co seu médico unha persoa que presente febre nesa zona da Guarda ou do Rosal, Juan Gestal explica que "normalmente, cando hai un gromo de lexionela, as autoridades sanitarias adoitan dar unha alerta de pneumonías para que ante a sospeita dunha pneumonía quede descartada que se trate dunha lexionela. Iso é relativamente fácil cunha análise de ouriños para detectar os antíxenos da lexionela".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade