Recomendan non utilizar musgo natural para os beléns

Deste xeito evítanse os danos nas especies protexidas en Galicia 

G24.gal 29/11/2023 21:18 Última actualización 29/11/2023 22:35

En Galicia hai preto de seiscentas especies de musgo. Non todas, pero si moitas delas, están protexidas. Distinguilas non é tarefa sinxela, por iso recomendan non retirar musgo. En primeiro lugar polo dano que se fai na contorna e polo moito que axuda a loitar contra a erosión. E tamén porque hai unha regulación que o protexe. 

"As primeiras regulacións xa veñen do ano 60 e despois toda a normativa de montes, normativa autonómica, está vixente dende hai quince anos. O rango de protección mesmo pode ser superior porque aparece no catálogo de especies ameazadas, entón todas as especies de musgo que aparecen nese catálogo en ningún caso se poden coller no monte", explica Juan José Gómez, xefe de servizo de Patrimonio Natural na Consellería de Medio Ambiente. 

Tanto é así que mesmo nas asociacións de belenistas optaron por deixar de utilizalo hai anos.

"Ao collelo sábese que son diferentes, xa se ve, pero claro, non sei cal está protexido e cal non, entón ante a dúbida pois non o collemos. Empregamos máis outros produtos naturais: a cortiza, terra, pedras, area, algunha folla, pero practicamente o musgo non o collemos por iso, pola prohibición", conta José Natalio Blanco, presidente da Asociación de Belenistas de Ourense. 

E desmenten unha crenza moi estendida. 

"Para o acivro houbo unha regulación hai moitos anos que o protexía, pero nestes momentos non ten un nivel de protección en Galicia", apunta Juan José Gómez, xefe de servizo de Patrimonio Natural na Consellería de Medio Ambiente. 

Como alternativas apuntan a compra en viveiros de musgo proveniente doutros países comunitarios e tamén optar por mercar para as festas árbores con raíz e terra que unha vez pasado o Nadal se poidan replantar no monte e contribuír así a coidar o noso medio ambiente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade