Publicador de contidos

Publicador de contidos

Catro flamengos fan parada en Vilaboa e atraen curiosos e amantes da natureza

Catro flamengos fan parada en Vilaboa e atraen curiosos e amantes da natureza

Son aves de zonas cálidas que se ven moi rara vez en Galicia

Pasan horas comendo e é doado observalas a simple vista

G24.gal 03/10/2025 15:18

Sempre hai motivos para visitar as salinas de Ulló, en Vilaboa, e estes días, catro motivos máis. Un cuarteto de flamengos chegou a este espazo natural, descoñecido para moitos, no fondo da ría de Vigo, e convertéronse na súa última atracción. Son aves moi difíciles de ver en Galicia, xa que habitan en zonas máis cálidas, pero algunha vez teñen parado nas Rías Baixas. Por exemplo, no complexo intermareal do Umia-O Grove.

"Eu quedei sorprendido cando os mirei", conta un veciño da zona."Haberá cinco días, quedei abraiado e dixen: Pero isto que son?"

A noticia foise estendendo e ás salinas do Ulló, construídas nos séculos XVI ou XVII, acoden agora afeccionados ás aves de distintos puntos de Galicia. Coas súas potentes cámaras ao lombo, buscan as mellores fotografías dos flamengos. Eles, que sabe, explican que pola plumaxe, branca, gris e parda, son exemplares xuvenís.

"Isto é unha marabilla porque non é normal velos aquí. E aos que nos gusta a fauna, que normalmente están máis ao sur, gozamos do momento", di Roberto entre foto e foto.

"Hai xente que simplemente mirándoos, xa goza. Eu, ao ver logo as fotos en casa, gozo o dobre", engade José Manuel, outro afeccionado.

De momento non se descubriu de onde proceden estes catro flamengos. As poboación máis próximas a Galicia están na zona de Lisboa e no parque de Doñana. Tampouco podemos saber canto tempo quedarán en Vilaboa. En calquera caso, sobran razóns para dar un paseo polas salinas do Ulló. Alí abundan os parrulos, de varias especies, e tamén hai agullas e garzas. E silencio, moito silencio.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade