Os expertos subliñan que coidar o que dicimos por redes é un xeito de solidarizarse coas vítimas
A psicóloga Carmen González Hermo destaca que en situacións de perigo se manifesta o instinto de supervivencia de grupo
Tras o accidente, os viaxeiros menos afectados foron os primeiros en axudar as vítimas. Tamén se mobilizaron rapidamente os veciños de Urda. Coidar dos demais ante unha situación de perigo é un instinto humano, segundo explica a psicóloga Carmen González Hermo.
"Así como hai o instinto de supervivencia para detectar o perigo e tentar afastarte del, tamén hai o instinto de supervivencia do grupo, o instinto de axudar", puntualiza Carmen, membro do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias de Galicia.
A especialista subliña que a dor nos iguala e nos une.
"Ante a dor, ante unha emerxencia todos somos iguais. A dor dóenos a todos. Dá igual a nosa condición, o noso país de orixe, a nosa relixión. A dor únenos a todos", afirma.
A psicóloga tamén di que é frecuente que quen axuda sinta culpa cando non logra salvar.
"A impotencia é moi difícil de soster e ás veces eses sentimentos de culpa veñan para tapar a sensación de impotencia de que non puiden facer máis", asegura.
Carmen González Hermo considera fundamental o apoio social para recuperarse dunha traxedia así.
"Poder volver conectar coa esperanza, coa amabilidade das persoas que nos queren, co cotián, poder volver conectar coa seguridade vainos axudar a repoñernos mellor e iso moitas veces vén do apoio social", opina.
Neste sentido, Carmen subliña que o apoio e a solidariedade está en mans de todos.
"Tamén os que estamos fóra, non in situ, podemos axudar: coidando aos que axudaron, coidando o que trasladamos por redes, coidando os nosos comentarios", enumera a especialista.