Detidos por roubar 56 toneladas de aceite un exempregado da almazara e o dono doutra

Os autores tiñan "gran coñecemento" na manipulación dos depósitos de aceite, así como da maquinaria e do mecanismo para a súa extracción

G24.gal 29/10/2023 10:35

Un extraballador da almazara de Carcabuey, Córdoba, que sufriu en agosto un roubo de 56 toneladas de aceite de oliva e o propietario dunha empresa aceiteira da zona, na que se almacenou a substancia tras o roubo, foron detidos pola súa presunta participación nos feitos.

A Garda Civil investiga estes dous homes e outras tres persoas tras comprobar que o aceite de oliva virxe extra subtraído -e xa inmobilizado para evitar a súa venda ilícita- se trasladou a unha empresa próxima. Os donos falsificaron a documentación para xustificar a súa tenza, segundo informou este domingo o instituto armado.

O roubo con forza produciuse a madrugada do pasado 30 de agosto na almazara Marín Serrano El Lagar de Carcabuey, unha empresa de orixe familiar dedicada á fabricación e envasado de aceite de oliva virxe desde 1968.

Tras decatarse do suceso, os responsables da empresa denunciárono na Garda Civil.

Os axentes sospeitaron desde o principio que os autores tiñan "gran coñecemento" na manipulación dos depósitos de aceite, así como da maquinaria e do mecanismo para a súa extracción, e que as 56 toneladas subtraídas non podían ser trasladadas moi lonxe do lugar, polo que inspeccionaron varias almazaras e cooperativas próximas.

Polo xeito en que cometeron o delito e o feito de que o depósito elixido para o roubo fóra precisamente o de aceita de oliva virxe extra levantou as sospeitas da Garda Civil de que os ladróns fosen persoas expertas e que coñecían a localización concreta do depósito roubado.

O feito, segundo apunta a Garda Civil causou unha "importante alarma social" na provincia de Córdoba que propiciou a intervención da Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia, especializada na investigación deste tipo de delitos, coa colaboración de Equipos Roca e do Seprona.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade