Así está sendo o paso de Ciarán: medio milleiro de incidencias e vento de ata 165 km/h

O temporal non deixa, polo momento, feridos graves, pero si moitas afectacións no tráfico tanto por estrada, como por tren e incluso nos aeroportos

G24.gal 02/11/2023 10:11 Última actualización 02/11/2023 17:15

O paso da borrasca Ciarán deixou máis de medio milleiro de incidencias en Galicia, onde a última hora de onte domingo se rexistrou un refacho de vento de 165 km/h en Muras, segundo os datos de Meteogalicia.

O 112 atendeu ata 556 avisos entre o mediodía do mércores e as 6:00 deste xoves. Os episodios máis frecuentes nos que tiveron que intervir os servizos de emerxencias producíronse nas estradas, onde tiveron que retirar árbores e pólas, postes e cables nas vías de circulación, terra e pedras ou carteis e sinais de tráfico desprazadas.

A provincia que máis sufriu os efectos da meteoroloxía adversa foi A Coruña, na que se rexistraron 245 incidencias, e onde desde a pasada madrugada está activo un aviso vermello por ondas de ata 9 metros e ventos superiores a 100 km/h.

En Oia, na parroquia de Mougás, unha árbore de grandes dimensións caeu sobre unha casa, sen deixar feridos pero provocando importantes danos.

O vento derrubou a cuberta dun edificio da rúa Joaquín Costa de Pontevedra minutos antes das 23:30 horas e levantou o tellado da piscina municipal de Abegondo pasadas as 20:15 horas. Así mesmo, as precipitacións asolagaron a estación de tren e un restaurante en Cambre pasada a medianoite e a ondada rompeu parte do dique do porto de Barallobre, en Fene. Na cidade de Lugo, a caída dun raio causou o desprendemento da cornixa dun edificio situado na rúa Ramón Ferreiro.   

Refachos de vento

En canto ao vento na costa, foi en Cedeira, onde se rexistraron algúns dos refachos máis intensos, con 145,8 km/h onte ás 22:10 horas, un vento que seguía soprando con intensidade esta mañá, cun refacho na mesma estación de 136,2 km/h ás 7:50 horas, segundo os datos de Meteogalicia.

Con todo, os maiores refachos rexistráronse en estacións situadas en altura, por encima dos 900 metros, en Muras, con 165 km/h ás 23:50 do domingo e en Carballeda de Valdeorras, con outro refacho de 160,4 km/h ás 1:10 deste luns.

De madrugada o vento seguiu aumentando con intensidade e a estación de Muras volveu rexistrar un refacho de 150,4 km/h ás 5:50 horas deste luns.

En Guitiriz un traballador resultou ferido ao caerlle enriba un eucalipto.

Temporal no mar

O temporal tamén leva a atención cara á costa onde o litoral da Coruña mantense en nivel de aviso vermello (risco extremo) por mar combinada do oeste ou noroeste con ondas de 8 a 9 metros e vento de 62 a 74 km/h, que localmente pode chegar a ser de 75 a 87 km/h.

As costas de Lugo e Pontevedra están en nivel de alerta laranxa, onde se prevén ondas de 7 ou 8 metros.

No porto da Guarda e coincidindo coa preamar, as ondas rompían na rúa de acceso.Ata pasadas as oito da mañá o porto guardés non recuperou a súa actividade habitual, pero ás catro da tarde prevese que a situación se repita coa nova preamar.

En Baiona as ondas máximas acadaron nas últimas horas ata 12 metros; aínda que a media das máis elevadas quedou en 8.

Chuvia intensa por todo o país

En canto á choiva, a estación de Pedrafita do Cebreiro acumulou 71,2 litros por metro cadrado onte domingo, e a mesma cantidade que Fornelos de Montes e Entrimo.

Desde esta madrugada rexistrouse choiva importante en Celanova, con 33,9 litros por metro cadrado acumulados, en Tui, con 26,6 litros por metro cadrado e en Folgoso do Courel, a mesma cantidade.

Segue activo o Plan Inungal de seguimento do nivel na demarcación Galicia-Costa, á que pertence o Tambre. Vén cheo e con parte dos terreos ribeiráns camiño de anegarse. E nos encoros tamén notan a chuvia. Trece xa están por riba do 80 % da capacidade, con algúns mesmo ao cen por cento. Na outra conca, a do Miño-Sil, de aquí ao domingo prevén dúas enchentes en Ourense.  

Regueiro de incidencias na área de Santiago

Foi menos que na costa, pero a borrasca Ciarán tamén deixou a súa pegada no interior. Santiago foi dos concellos máis afectados. En previsión do que se aveciñaba, os bombeiros reforzaron o servizo cun retén específico.

A chuvia tamén complicou a cousa na Barcala e Val do Dubra, onde chegaron a caer 68 litros por metro cadrado. Os efectos da borrasca nótanse nos ríos da zona. Tanto o Barcala coma o Tambre baixan con forza, malia que de momento non houbo rebordamentos.

Afectación nas estradas e no tráfico aéreo e ferroviario

Ao longo deste período, as vías de comunicación galegas rexistraron diversos accidentes ligados ás condicións climáticas adversas. As máis destacables tiveron que ver con árbores e pólas nas estradas. Moitas delas cortaron a circulación parcial ou completamente, sobre todo en vías secundarias, aínda que tamén afectaron a autoestradas, autovías e estradas xerais, indica o servizo 112 Galicia.

Ademais, o temporal causou varios accidentes de circulación, aínda que ningún de gravidade, a maior en estradas secundarias. Na parroquia de Redonda, en Corcubión, un coche impactou contra unha árbore na AC-445 ás 21:30 horas do mércores; suceso similar, aínda que cun camión como protagonista, ao que tivo lugar en Rábade ás 04:45 horas.   

As comunicacións por tren e avión tamén se viron afectadas polo paso de Ciarán, de modo que se cancelaron ou atrasado voos nos aeroportos galegos e o tráfico por ferrocarril segue afectado.

A imposibilidade de tomar terra no Rosalía de Castro-A Lavacolla destes avións motivou a suspensión do catro voos e atrasos na engalaxe doutros tres. En Vigo e A Coruña foron cancelados dous voos, ambos os procedentes de Madrid, que tiñan previsto aterrar na tarde do mércores nas terminais de Peinador e Alvedro.

Fontes de Aena trasladaron que a situación meteorolóxica nos aeroportos galegos mellorou na mañá do xoves, na que unicamente se produciu un desvío desde A Coruña a Santiago.

Con todo, a situación aínda non está normalizada porque os desvíos e cancelacións da tarde noite do mércores impediron que as conexións deses voos estivesen listas para a engalaxe na mañá deste xoves. 

En canto aos ferrocarrís, interrompeuse a circulación dos trens entre Ourense e Vigo, e Renfe estableceu un servizo de transporte alternativo por estrada para os viaxeiros dos trens afectados de primeira hora da mañá. Outra conexión que resultou afectada foi a liña convencional que conecta Santiago e Ourense, que prexudicou o tránsito de dous trens. Tamén está suspendida a circulación ferroviaria entre Ferrol e Oviedo na liña de ancho métrico, o vello Feve.

O servizo A Coruña-Ferrol e Ferrol-A Coruña realizouse por estrada debido á caída dunha árbore sobre a vía, pero a incidencia foi resolta á media mañá e puidose recuperar o servizo.

O que tamén puido retomar foi o servizo marítimo entre Vigo e O Morrazo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar