Catro feridos no incendio nun piso de Vigo

Os feridos son o matrimonio maior que vive no piso, o policía que rescatou a muller e unha veciña que colaborou

G24.gal 21/11/2023 17:30 Última actualización 21/11/2023 21:52

Catro persoas tiveron que ser atendidas por sanitarios este martes tras rexistrarse un incendio nunha vivenda de Vigo. A alerta saltou sobre as 15:30 horas, por un incendio na cociña dun piso da rúa Gran Vía, número 44, na esquina con rúa Bolivia. Ata alí se desprazaron efectivos policiais e do servizo municipal de bombeiros, ademais de Urxencias Sanitarias.

Cando os bombeiros chegaron, unha muller de avanzada idade xa fora evacuada da vivenda e estaba a ser atendida por un axente da Policía Nacional e unha veciña. A señora presentaba queimaduras na cabeza e unha man e unha ferida sanguenta na cabeza.

Os bombeiros entraron na vivenda afectada, en que se concentraba gran cantidade de fume, e rescataron o marido da anciá. Tras extinguir as chamas, que se iniciaron na cociña e afectaron á campá extractora, axudaron na atención da muller, que sufriu queimaduras, ata a chegada dos servizos sanitarios de emerxencia.

Traslado dos feridos

Ademais do matrimonio, explicaron fontes do servizo de extinción e do 112, tamén tivo que ser atendido o axente de policía que rescatou á muller, debido á inhalación de fume, e mais un veciño que colaborou.

A muller de 88 anos e o seu marido de 92 foron trasladados ao Hospital Álvaro Cunqueiro. Alí tamén levaron outro dos feridos. O cuarto ferido foi evacuado ao hospital Vithas.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade