BNG e PSOE asinan o pacto de investidura que "garante igualdade" na condonación de débeda
BNG e PSOE asinan o pacto de investidura que "garante igualdade" na condonación de débeda
A líder do BNG, Ana Pontón, defende o acordo cos socialistas, que circunscribe só á investidura, porque di que "mellorará a vida dos galegos e das galegas"
A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, e a vicesecretaria xeral do PSOE e ministra de Facenda en funcións, María Jesús Montero, asinaron este luns no Congreso dos Deputados o acordo alcanzado entre ambas as formacións para que os nacionalistas voten a favor da investidura de Pedro Sánchez.
Segundo destacou Pontón tras asinar o pacto, "dámoslle un impulso da axenda galega en Madrid. Algo que vai mellorar a vida das persoas. E ademais garantimos que vai haber un trato igualitario en materia de condonación de débeda a Galicia".
"Garantimos que calquera condonación que se faga no conxunto do Estado español ás comunidades autónomas, Galiza ten que ter un trato análogo", afirmou a voceira nacional do BNG.
"É un acordo de investidura positivo que demostra que o BNG fai que Galicia gañe", dixo Ana Pontón quen destacou que "nos vai mellorar as infraestruturas, non só rebaixando as peaxes das autoestradas do Estado dunha maneira significativa, senón tamén apostando pola modernización do ferrocarril e que poidamos ter un servizo de proximidades do que en pleno ano 2023 non poden gozar os galegos e as galegas".
"Estamos facendo o traballo que non é capaz de facer o actual presidente da Xunta, do Partido Popular", reprochou Pontón, "que vemos que o único que ofrece é crispación, mentiras e nin sequera é capaz de alegrarse cando se consegue un acordo que claramente significa avances para o conxunto dos galegos e as galegas".
"Demóstrase unha vez máis a importancia de ter unha forza política coas mans libres", concluíu a líder do BNG quen circunscribiu este acordo tan só á investidura, pero con vontade de lograr consensos durante a lexislatura.
Finalmente, Pontón non quixo aventurar se ese debate de investidura se producirá esta semana, aínda que se amosou optimista: "Non depende do BNG. A sensación é que pode ser".
Pola súa parte, o deputado galego e negociador do PSOE para a investidura José Ramón Gómez Besteiro apuntou que este acordo "aritmeticamente" non era "necesario" para sacar adiante a investidura de Pedro Sánchez, xa que "o socialismo galego ten sete deputados no Parlamento español fronte ao BNG que ten un". Aínda así, defendeu o pacto como "importante" para Galicia.
Negociación de pactos con outras formacións
Nas últimas horas, o PSOE centra as negociacións cos cataláns, pero os vascos tamén reclaman o seu protagonismo. O lehendakari Iñigo Urkullu lembroulle hoxe ao PSOE que o pacto con Junts "non é so o que lle queda pendente", senón "algo máis", xa que aínda non pechou o acordo co PNV nin tampouco con EH Bildu.
O presidente da Generalitat, Pere Aragonès, volveu defender este luns que o acordo entre ERC e o PSOE, que inclúe condonación de débeda de Cataluña, é "bo acordo que non se conseguira ata agora".
Pero esta quitación da débeda non convence os presidentes autonómicos do PP, que piden que se convoque un Consello de Política Fiscal e ameazan con recorrela ante a xustiza. Fernando López Miras, presidente de Murcia, asegurou que non se van "sumar a unhas faragullas que nos colle de rebote dunha negociación bilateral".
O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, reuniu este luns os seus baróns e toda a xunta directiva nacional para coordinar as accións do partido en contra dos pactos de Pedro Sánchez cos independentistas e anunciar novas mobilizacións.
"Queren que nos esquezamos, pero imos recordalo todos os días. Queren amedrentarnos, pero estaremos o 12 de novembro, ás doce da mañá, nas prazas de todas as capitais de provincia de España", asegurou Núñez Feijóo ante a cúpula do PP.