Publicador de contidos

Publicador de contidos

Goberno e Xunta pactan un convenio para impulsar a dixitalización da Xustiza en Galicia

Goberno e Xunta pactan un convenio para impulsar a dixitalización da Xustiza en Galicia

Acordo para regular os servizos tecnolóxicos e integrar novas ferramentas

O sistema de xestión procesual Atenea permitirá traballar con esquemas de tramitación e documentación xurídica preparados para as linguas oficiais

A Xunta terá que asumir o custo da tradución ao galego

Arquivo Arquivo
G24.gal 24/11/2025 19:27

O Goberno central e a Xunta de Galicia asinaron un convenio para regular os servizos tecnolóxicos no ámbito da Xustiza e avanzar na súa dixitalización.

O acordo establece a transferencia de varias solucións tecnolóxicas estatais e define as responsabilidades de cada administración para a súa implantación en Galicia.

O secretario de Estado de Xustiza, Manuel Olmedo; o conselleiro de Xustiza, Diego Calvo, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, participaron no acto de sinatura.

Durante a xornada abordaron a implantación da nova funcionalidade multilingüe do sistema de xestión procesual Atenea, que permitirá traballar con esquemas de tramitación e documentación xurídica preparados para as linguas oficiais.

Diego Calvo sinalou que, malia que Atenea incorpora como novidade o soporte para o galego e o castelán, o Executivo estatal entregou a ferramenta unicamente en castelán. Segundo explicou, a Xunta terá que asumir o custo da tradución desta solución de titularidade estatal.

O conselleiro reafirmou o compromiso do Goberno galego para poñer canto antes a plataforma en galego á disposición do persoal da Administración de Xustiza.

O Ministerio comprométese a transferir á comunidade o sistema de xestión procesual Atenea, a Carpeta Xustiza como canle dixital para a cidadanía, o sistema do Rexistro Civil DICIREG e o Escritorio Virtual de Interacción Dixital.

Inclúe tamén o servizo de cita previa, LexNet, o Hub de Interoperabilidade e a documentación asociada, así como o código fonte cando non se trate de solucións ofrecidas en modo servizo.

Ademais, asumirá a formación das persoas formadoras encargadas de estender estas ferramentas.

Pola súa parte, a Xunta desenvolverá os esquemas de tramitación e documentación xurídica necesarios para o funcionamento destes sistemas nas linguas cooficiais e realizará a tradución dos elementos da interface do sistema de xestión procesual.

Con este acordo, Galicia incorpórase ao modelo tecnolóxico que o ministerio impulsa nas comunidades con competencias transferidas, seguindo o camiño iniciado por Asturias, as Canarias e A Rioxa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade