Manifestación en Valdeorras a favor do hospital comarcal e a sanidade pública
Os participantes pediron máis recursos nos consultorios da zona e melloras nos servizos do hospital
Tamén piden un servizo de pneumoloxía, clave –din– para unha comarca con alta incidencia de silicose
Segundo o Sergas, o hospital de Valdeorras acadou o maior nivel de estabilidade de persoal da súa historia, co 85% das prazas médicas cubertas en propiedade
EFE/Brais Lorenzo
O Barco de Valdeorras acolleu unha manifestación esta tarde en contra do "desmantelamento" do hospital comarcal e en defensa dunha sanidade pública de calidade. A organización calcula que participaron unhas 5.000 persoas.
A mobilización partiu do hospital baixo unha pancarta na que se podía ler "Na defensa dos servizos públicos. Non aos recortes dos nosos dereitos", entre berros en defensa da sanidade pública.
Esta protesta, convocada pola Plataforma Sanitaria de Valdeorras, contou, entre outros, coa voceira nacional do BNG, Ana Pontón, e a secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez.
Os manifestantes reclamaron a recuperación de servizos de atención sanitaria e responsabilizaron á Xunta de "interminables listas de agarda" que obrigan as habitantes de Valdeorras a desprazarse ata Ourense para consultas que deberían ter no hospital comarcal.
O manifesto denunciou "desidia" por parte do Goberno autonómico para resolver esta problemática e os manifestantes avisan de que seguirán "loitando".
Pola súa banda, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, responsabilizou a Rueda do "desmantelamento" sanitario en Valdeorras. "Xa basta de recortes e privatizacións na sanidade pública", afirmou.
Desde o Sergas din que o hospital de Valdeorras acadou o maior nivel de estabilidade de personal da súa historia, co 85 % das prazas médicas cubertas en propiedade. O compromiso é completar, aseguran, o 100% das prazas do hospital e reforzar os centros de saúde do oriente ourensán.