O BNG inicia o camiño cara ás municipais co reto de aumentar a súa representación
Ana Pontón asegura que a súa formación ten como obxectivo seguir ampliando a súa base social
A líder do BNG defendeu o modelo nacionalista nos concellos como aval para conseguir a confianza da veciñanza
O BNG inicia a preparación das eleccións municipais de 2027 coa aprobación no seu Consello Nacional do regulamento para elaborar as candidaturas locais.
O calendario de traballo que tamén acordou o máximo órgano de dirección entre asembleas fixa no horizonte do primeiro semestre de 2026, antes do 25 de xullo, a elección dos candidatos nas sete cidades grandes, nun proceso que, en todo caso, está aberto para o conxunto dos concellos en función do ritmo de cada unha das localidades.
Así o avanzou a voceira nacional, Ana Pontón, tras a última reunión do ano do Consello Nacional e na que explicou que o Bloque traballa cun obxectivo moi claro, o de “seguir ampliando” a súa base social e electoral.
“Pídovos que non nos desviemos nin un só milímetro da nosa folla de ruta e que lles sigamos dando esperanza aos galegos e ás galegas en relación ao proxecto que representa o BNG, traballando desde a humildade, desde a honestidade e desde a confianza en Galiza e en cada un dos concellos do noso país”, animou.
Pontón alegou que aumentar a representación nos concellos é un obxectivo clave para fortalecer o nacionalismo e que, ademais, contribuirá a consolidar o proxecto de goberno alternativo que representa o Bloque, sinalando os exemplos de bo goberno das alcaldías BNG.
“Ese modelo municipal de excelencia, que se ve nos nosos gobernos municipais, é o mellor aval para pedir a confianza da veciñanza e seguir ampliando a base social do BNG para liderar un proxecto de país”, remarcou.
Neste sentido, recordou que os concellos gobernados polo Bloque “prosperan, gañan dinamismo económico e social” e “avanzan en igualdade, en xustiza social, na promoción da lingua e da cultura e na recuperación do espazo público”, un modelo que confrontou co do PP, que fai xusto o contrario a base de recortes e privatizacións na sanidade, na educación ou no coidado das persoas maiores.
“Mentres no BNG defendemos a democracia e a honestidade, o PP fomenta o transfuguismo con mocións de censura espurias, escuras e mesmo con coaccións”, reprobou.
A líder nacionalista exemplificou esta praxe dos populares no caso de Ribeira, onde mostrou o seu convencemento de que ao exrexedor Luís Pérez “fixéronlle unha moción por ser un grande alcalde e facer ben o seu traballo.”
Da mesma maneira, afondou, que tentaron promover, “aínda que neste caso fracasaron”, unha moción en Santiago.
"Rueda, empeñado en importar a lameira política de Madrid"
A voceira nacional tamén se referiu ao complexo momento político, no que “a crispación, o insulto e mesmo a destrución persoal do adversario” é parte esencial da política que chega desde Madrid, “unha auténtica lameira que o Partido Popular de Rueda quere importar a Galiza”, criticou.
“Vemos o PP máis ultra da historia empeñado en deslexitimar a democracia por terra, mar e aire botando man de todos os resortes que ten no ámbito económico, no mediático e tamén no xurídico”, sintetizou, aludindo á sentenza que condenou ao fiscal xeral do Estado.