A oposición ve en Rueda un presidente "estancado", con receitas fracasadas e cheo de contradicións
Socialistas e nacionalistas acusan o presidente da Xunta de caer na "autocompracencia" e de non ofrecer solucións aos problemas da "Galicia real"
A oposición censura a primeira intervención do presidente da Xunta no debate do estado da autonomía que se celebra no Parlamento galego. Socialistas, nacionalistas e o deputado de Democracia Ourensana acusan a Alfonso Rueda de caer na autocompracencia e de non ofrecer solucións aos problemas da "Galicia real".
Á tarde, a partir das 16 h, tomarán a palabra na tribuna do Pazo do Hórreo.
Pontón cre que o discurso de Rueda "representa o estancamento"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou que o discurso de Rueda este mércores no debate sobre o estado da autonomía "representa o estancamento" e reprochou que "repite en bucle receitas fracasadas" e "as mesmas promesas baleiras".
Segundo dixo, a intervención desta mañá demosra que Rueda "deixa como legado unha Galicia máis débil".
Por todo iso, Ana Pontón dixo ver a un presidente "sen impulso, sen ambición de país e sen proxecto" e que, en definitiva, "representa o estancamento cando Galicia ten todo para avanzar".
Fronte a ese "estancamento", a portavoz do Bloque avanzou que na súa intervención desta tarde tratará de mostrar "unha alternativa de Goberno", cun proxecto "ambicioso" para que Galicia "sexa unha das nacións máis avanzadas do mundo".
Besteiro acusa a Rueda de debuxar unha Galicia "irreal" e de caer en contradicións
O líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, sostivo que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo este mércores co seu discurso no debate sobre o estado da autonomía unha "emenda á totalidade da súa xestión" no que vai de lexislatura.
Na súa comparecencia tras a intervención do máximo mandatario autonómico, o portavoz parlamentario e secretario xeral dos socialistas galegos sostivo que parece que Rueda fala de "outro país" ao debuxar "unha Galicia absolutamente irreal" que non é a que perciben os galegos.
"Nada en aposta en vivenda, nada en aposta en sanidade, nada en aposta industrial e nada tampouco en aposta de protección do medio rural"; "balance é absolutamente pobre", subliñou Besteiro, e acusa a Rueda de caer en contradicións: "Eu recorto impostos, pero que o Estado me mande máis cartos a través dos impostos".
Ojea tacha de "autocompracente" o discurso de Rueda e lamenta a "pouca atención" a Ourense
O deputado de Democracia Ourensana (DO), Armando Ojea, tachou de "autocompracente" e de "autobombo" a intervención do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na primeira xornada do debate sobre o estado da autonomía.
Para o parlamentario do Grupo Mixto, o titular do Goberno galego "confunde desexos con realidade" e lamentou a "pouca atención" aos asuntos da provincia de Ourense.
Pazos pon en valor "o balance equilibrado" de Rueda, un presidente que "cumpre"
O portavoz do PPdeGalicia no Parlamento galego, Alberto Pazos, puxo en valor "o balance adecuado e equilibrado" realizado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na súa intervención no debate de política xeral, no que defendeu "todo o traballo realizado" nestes anos e "non eludiu a realidade do país e as medidas necesarias para afrontar as dificultades".
"En Galicia si hai normalidade política, en Galicia hai estabilidade institucional; en Galicia apróbanse orzamentos todos os anos e en Galicia si se celebra o debate de política xeral", defendeu Pazos ante os medios.
O portavoz popular sinalou Rueda "cumpre" cos compromisos que adquiriu nas urnas, con "un 85 % das medidas que xa están en marcha" e "o 100 % de execución nos orzamentos cada ano", o que demostra que se trata dun Goberno que "sabe o que fai".
O popular felicitou a Rueda por un discurso no que pon de relevo "as prioridades dos galegos".