Atentos á preamar en Pontevedra, despois das inundacións da fin de semana

As enchentes obrigaron a cortar a autovía entre Pontevedra e Marín o sábado e o domingo

A Aemet ten activo ata as 20 horas un aviso amarelo por chuvia na provincia

A Garda Civil de Tráfico cortou a autovía entre Pontevedra e Marín pola enchente
G24.gal 30/10/2023 14:22

A baixamar dá tranquilidade, pero os veciños que viven a carón da ría en Pontevedra agardan expectantes a que volva subir a marea. Están á espera de que non se repitan as enchentes da fin de semana. En Lourizán, a auga subiu tanto que anegou a autovía entre Pontevedra e Marín.

Xuntáronse as mareas vivas coa chuvia intensa, así que as enchentes obrigaron a cortar a autovía tanto o sábado como o domingo. Ata as oito da tarde, segue activo o aviso amarelo da Aemet por chuvias na provincia. 

A borrasca Celine deixou case duascentas incidencias en Pontevedra. Na cidade, á beira do río, a situación foi complicada. Nas Corbaceiras, a auga pasou dun lado a outro do peirao e as brigadas municipais están aínda limpando os refugallos que arrastrou a marea. 

A Garda Civil ten as alarmas activadas á espera da preamar desta tarde. Se chove con forza, está previsto que volva cortarse o tráfico na autovía de Pontevedra a Marín para evitar riscos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade