Arrincan a cruz do santuario do Chamorro e con ela rompen a porta para entrar a roubar

Os autores subiron ao tellado, arrincaron unha cruz de pedra e con ela romperon unha das portas para entrar a roubar

Conseguiron levar uns trescentos euros que había nos petos da capela

G24.gal 30/11/2023 13:52

A Policía Nacional busca os ladróns que entraron pola forza no santuario do Chamorro, en Ferrol. Romperon unha das portas a golpes coa cruz de pedra que arrincaron do tellado. Levaron os cartos que había nos petos da capela.

Foi de noite, os ladróns subiron ao tellado do santuario, arrincaron a cruz de pedra, que xa non está. Era grande e moi pesada. Con ela trataron de romper o teito para baixar ao interior e quixeron partir varias portas da capela, que son de madeira e están reforzadas. A base de moitos golpes, lograron forzar unha entrada da parte traseira da ermida.

Levaron uns trescentos euros, segundo a denuncia ante a Policía Nacional, que busca os autores. O santuario foi xa vandalizado en varias ocasións e tamén sufriu moitos roubos, e ata un incendio. O ano pasado roubaran as xoias de ouro da imaxe da Virxe do Chamorro, valoradas nuns tres mil euros.

O santuario é de titularidade privada. A Virxe do Chamorro conta con moitos fieis, que cada ano participan masivamente na que é unha das romarías máis famosas de Galicia e Ferrolterra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade