Morre un detido no calabozo da Garda Civil da Coruña
O home fora arrestado nun operativo contra o tráfico de estupefacientes realizado en Noia
Segundo fontes policiais, malia sufrir unha indisposición, houbo que abrir unha investigación xudicial
Imaxe de arquivo do cuartel da Garda Civil da Coruña
Unha persoa faleceu o sábado mentres estaba detida nos calabozos da Comandancia da Garda Civil da Coruña, informou este domingo o instituto armado.
A Garda Civil explicou que a persoa detida sufriu unha indisposición e deuse aviso "inmediatamente" ao 061, desde onde desprazaron unha ambulancia medicalizada.
O persoal do servizo de urxencias médicas atendeuno "sen que puidese facerse nada por salvar a súa vida" e certificou o deceso.
O instituto armado sinalou que, ao atoparse a persoa falecida baixo custodia policial, o suceso implica a apertura dunha investigación xudicial, "o que impide achegar máis información polo momento".
Trátase, precisaron fontes consultadas, dun home que foi arrestado nun operativo contra o tráfico de estupefacientes realizado o venres no municipio coruñés de Noia.