A debate o prezo do peixe no I Congreso Internacional de Consumo

Máis de 50 expertos debaten sobre alimentación, sostibilidade e calidade

O sector segue reclamando a rebaixa do IVE no peixe como medida para incentivar o consumo

 

O I Congreso Internacional de Consumo celébrase en Santiago durante hoxe e mañá
G24.gal 30/11/2023 14:44

Segundo un estudo elaborado pola Unión de Consumidores de Galicia, só o 35 % dos galegos consomen a cantidade recomendada de peixe, que é de tres ou catro veces á semana, o que repercute directamente na saúde.

 "Os consumidores de peixe teñen ata un 30 % menos de mortalidade por infarto agudo de miocardio, incluso as arritmias potencialmente mortais vense reducidas ata nun 70 %" apunta Guillermo Aldama, cardiólogo do CHUAC.

Porén mércase un 60 % menos de peixe que hai un ano. Este é un dos temas que se debateu no I Congreso Internacional de Consumo, que se está a celebrar en Santiago. Captar as xeracións máis novas é un dos obxectivos para mellorar estas cifras.

 "Non está a chegar o suficientemente ben os beneficios do seu consumo, quizais é moi importante que se traballen fórmulas como é a presentación, a preparación, que faciliten que sobre todo as xeracións máis novas que non están tan familiarizadas coa súa preparación e o seu consumo pois que poidan acceder dun xeito sinxelo, áxil e que lles permita beneficiarse das súas calidades", conta Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia.

Un 51 % dos galegos recoñece que non compra peixe porque é caro. Dende hai anos, todo o sector reclama un IVE superreducido. Con todo, hai expertos fiscais que recoñecen que esta medida só beneficiaría o consumidor con máis recursos, o que compra percebes, non xurelos.

 "Vai ser un beneficio para el e en definitiva o obxecto do tipo reducido é un beneficio fiscal para facer que se consuman produtos de primeira necesidade quen ten máis dificultades, non se vai cumprir", opina Carlos Cruzado, presidente do Sindicato de Técnicos de Facenda.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar