O bulevar das Pías, en Ferrol, acumula atrasos
Tras un ano e catro meses de traballo hai só executado un 20 % do proxecto
A choiva, os cambios no proxecto solicitados polo concello e as acometidas dos servizos entre os principais motivos dos atrasos
O bulevar das Pías debería estar rematado en outubro de 2024
"Pensan rematala no ano 24, pero coa pinta que leva non lle vexo moitas trazas".
"Con catro señores que están traballando, a obra estará ata que morran os meus netos".
"Están lentísimas, máis da conta, un será polo tempo, pero están dende antes do verán e houbo bo tempo e eu non vía nada", comentan os veciños de Ferrol.
Nos barrios de Caranza e O Bertón levan 14 anos agardando por este proxecto de humanización que vai eliminar a barreira física que os separa. Os cambios empezan a notarse.
"Mira agora mesmo isto está descoñecido de como era, eh? Aquí movéronse toneladas e toneladas de terra", fala un xubilado que segue día a día os cambios.
Pero as obras van moi lentas. Levan executado un 20 por cento do proxecto e a estas alturas deberían superar o 50 e todo isto trastorna o día a día dos veciños.
"Sitios que levan 5 minutos hai que tardar 15 ou 20 porque hai que dar moitas voltas".
"Hoxe córtannos nun lado, mañá ábrennos noutro...".
"Os pasos non están ben para os peóns, unha persoa discapacitada non pode cruzar cunha cadeira de rodas".
"E temos que dar a volta para ir mercar, ou sexa é unha leria todo", quéixanse
Con todo están ilusionados, o proxecto en xeral gusta moito
"Para min si, vai quedar bonito".
"Vai ser precioso e vai ser moi ben".
"A ver, vai quedar bonito, iso si, pero mentres dános moitos mareos de cabeza".