Igualdade pide acompañamento para as vítimas de violencia machista cando vaian recoller as súas cousas
Igualdade pide acompañamento para as vítimas de violencia machista cando vaian recoller as súas cousas
Foi no comité de crise convocado para avaliar os últimos asasinatos machistas, que suman 15 entre xullo e agosto

O Ministerio de Igualdade propuxo este luns que se garanta o acompañamento institucional no momento no que unha muller vítima de violencia machista acode á súa casa para recoller as súas cousas despois dunha ruptura de parella.
É unha das principais medidas que Igualdade trasladou na reunión do comité de crise convocado para avaliar os últimos asasinatos machistas confirmados pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, que no mes de agosto ascenden a 7, dous máis en setembro, e que suman 42 desde que empezou 2023.
A proposta de Igualdade obedece á "evidencia" de que o momento no que unha muller vítima de malos tratos acode á vivenda para recoller as súas cousas é "un momento de risco", tal e como resaltou a delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, Vitoria Rosell.
De feito, nos últimso crimes machistas de Alzira e Córdoba, as mulleres foron asasinadas cando acudiron recoller as súas pertenzas.
Acompañar sen que sexa preciso agardar á denuncia da vítima
A proposta do departamento que dirixe Irene Montero consiste en "institucionalizar o acompañamento" ás vítimas nese momento de especial risco e que non sexa necesario esperar á denuncia da vítima.
Segundo indicou Rosell, algunhas comunidades autónomas acolleron favorablemente esta proposta do ministerio e mostráronse dispostas a levala a cabo desde as entidades locais.
Todas as medidas que se propoñen no seo deste comité deben ser aprobadas na Conferencia Sectorial de Igualdade.
Igualdade tamén pediu que se revisen os requisitos para renovar a licenza de armas. Polo menos 6 das 40 mulleres asasinadas entre xaneiro e agosto deste ano morreron por arma de fogo.
Que cada institución sirva de apoio ás vítimas
O comité de crise incidiu, así mesmo, na situación das mulleres migrantes vítimas de violencia machista, para as que pediu ampliar a mediación intercultural; e puxo o foco sobre as mulleres vítimas de adiccións, as mulleres maiores, aquelas con problemas de saúde mental e en situación de pobreza.
"Necesitamos que cada institución sexa unha porta de entrada para as vítimas", subliñou Rodríguez, que destacou que todos os empregados públicos, desde profesores, médicos, enfermeiras, etc, deben ter formación en violencia de xénero.
O de hoxe é o quinto comité de crise que o Ministerio de Igualdade convoca desde a súa posta en marcha en xullo de 2022.
Reúnese nos períodos cunha "alta concentración" de asasinatos machistas, é dicir, cinco ou máis, ou naqueles feminicidios nos que concorran circunstancias de "especial relevancia", como é o caso deste mes de agosto, con sete crimes machistas, que deixaron 10 menores orfos.
Setembro segue o mesmo ronsel tráxico: o Goberno acaba de confirmar que os dous casos rexistrados en Andalucía nas últimas horas tamén son asasinatos machistas. En total, 42 mulleres morreron dende que comezou o ano.