A gran festa do audiovisual galego celébrase en Lugo coa entrega dos Premios Mestre Mateo
'Sirat', 'Antes de nós' e 'As liñas descontinuas' lideran unhas candidaturas moi repartidas en 25 categorías
Máis de 20 producións están participadas pola Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, que acumula 60 candidaturas
Galicia vístese este sábado de gala para celebrar a gran festa do noso audiovisual: os Premios Mestre Mateo 2026.
Lugo acolle por vez primeira a cerimonia, que ten lugar no Auditorio Fuxan os Ventos nunha gala dirixida pola realizadora Marta Arévalo e na que traballan máis de 150 técnicos de 50 empresas.
A presentación corre a cargo da actriz Trisha Fernández e do cómico Federico Pérez.
Durante a gala, repartiranse 25 galardóns aos que concorren máis dun cento de candidaturas finalistas, tanto individuais como colectivas, e tamén recibirá o galardón de honra Fernando Rey, a lingüista e tradutora Rosa Moledo.
‘Antes de nós’, ‘As liñas descontinuas’ e ‘San Simón’, longametraxes participadas pola TVG, sitúanse entre as producións máis nomeadas desta edición.
De feito, máis de 20 producións están participadas pola Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, CSAG, que acumula un total de 60 candidaturas.
Por vez primeira desenvolverase, ademais, un espectáculo en directo desde un segundo escenario do recinto, que será presentado polo cómico Rafa Durán.