Publicador de contidos

Publicador de contidos

'Antes de nós' e 'Sirat' dominan uns Mestre Mateo que recoñecen a Gayoso como mellor comunicador

'Antes de nós' e 'Sirat' dominan uns Mestre Mateo que recoñecen a Gayoso como mellor comunicador

'Antes de nós', participada pola CSAG, iguala o récord histórico de 'Dhogs' e concentra a maioría dos galardóns artísticos e técnicos

A TVG tamén celebra os premios obtidos por Xosé Ramón Gayoso, como mellor comunicador, e Marcos Nine, como mellor realización por 'Historias de aquí'

Tamén son da Galega 'Cos pés na terra', mellor programa, e 'Bechos', mellor serie web

 

Ángeles Huerta, premio á mellor dirección por 'Antes de nós', participada pola TVG Ángeles Huerta, premio á mellor dirección por 'Antes de nós', participada pola TVG
G24.gal 21/03/2026 22:38 Última actualización 22/03/2026 01:03

'Antes de nós' e 'Sirat' protagonizaron a gala dos XXIV Premios Mestre Mateo nunha noite que volveu poñer en valor a fortaleza do audiovisual galego. A produción dirixida por Oliver Laxe fíxose co premio a mellor longametraxe, ademais de sumar os galardóns a mellor música orixinal, para Kangding Ray, e mellor son, para Amanda Villavieja.

Pola súa banda, 'Antes de nós', participada pola CSAG, foi a produción máis premiada da gala, ao acadar trece recoñecementos entre as categorías artísticas e técnicas, igualando así o récord histórico de 'Dhogs' nos Mestre Mateo. A produción destacou nunha noite de grande protagonismo feminino.

Entre os galardóns conseguidos por 'Antes de nós' figuran os de dirección para Ángeles Huerta, quen recolleu o seu segundo Mestre; guión para Pepe Coira; dirección de arte para Elia Robles; dirección de fotografía para Lucía C. Pan; dirección de produción a Lucía Caramelo; maquillaxe e peiteado para Chicha Blanco e Lorena Calvo; vestiario para Aránzazu Domínguez; e montaxe a Lucía Iglesias; así como os premios de interpretación, tanto protagonistas para Cris Iglesias e Xoán Fórneas, como de elenco.

Precisamente nesta última categoría interpretativa produciuse un dos momentos máis inesperados da noite, cun premio ex aequo en interpretación feminina de elenco ás actrices Luisa Merelas e Victoria Teijeiro.

A gala deixou tamén instantes especialmente emotivos, como a entrega do premio á mellor interpretación masculina de elenco a Miquel Insua por 'Antes de nós', falecido este ano, cuxa lembranza estivo moi presente durante o acto e converteu o momento nunha das homenaxes máis sentidas da noite.

O equipo de 'Sirat' recolle o premio a mellor longametraxe O equipo de 'Sirat' recolle o premio a mellor longametraxe

O galardón a mellor comunicador foi para Xosé Ramón Gayoso por 'Luar', mentres que Marcos Nine obtivo o premio á mellor realización por 'Historias de aquí'.

No ámbito televisivo, 'Weiss & Morales' acadou o premio a mellor serie de televisión; mentres que 'Bechos' foi recoñecida como mellor serie web e 'Cos pés na terra' fíxose co galardón a mellor programa. 

No conxunto das categorías profesionais, a presenza feminina foi especialmente salientable: 11 dos 16 galardóns foron recollidos por mulleres, o que supón preto do 70 % dos premios, consolidando unha tendencia de crecente protagonismo feminino no sector audiovisual galego.

Nas categorías de curtametraxes, 'Curmán', dirixida por Alejandro Jato, foi distinguida como mmellor curtametraxe de imaxe real, mentres que 'O corpo de Cristo', de Abano Producións e Uniko dirixido por Bea Lema, acadou o premio á mellor curtametraxe de animación. O galardón a mellor documental foi para '360 curvas', dirixido por Alejandro Gándara, Ariadna Silva Fernández.

En canto ao resto de categorías, o premio a mellor videoclip foi para 'Hibernarse - O videofilme', producido por Fillas de Cassandra, e 'Ao noroeste do oeste', de Undodez e Medio Limón, foi recoñecido como mellor anuncio publicitario.

Outro dos momentos máis salientables da noite foi a entrega do Premio de Honra á tradutora e asesora lingüística Rosa Moledo, en recoñecemento á súa traxectoria e contribución ao audiovisual galego.

Trisha Fernández recolleu o premio de mellor comunicador para Xosé Ramón Gayoso, que non asistiu á gala Trisha Fernández recolleu o premio de mellor comunicador para Xosé Ramón Gayoso, que non asistiu á gala

O evento, presentado por Trisha Fernández e Federico Pérez, celebrouse no Auditorio Fuxan os Ventos.

Ademais, por terceiro ano, Yolanda Díaz e o concelleiro de Cultura volveron a arroupar o sector audiovisual galego. A gala contou co apoio de AGADIC-Xunta de Galicia, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a Concellaría de Cultura do Concello de Lugo, e foi emitida pola Televisión de Galicia.

A noite estivo tamén marcada polas actuacións musicais de Xabier Díaz e Mondra.

A presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, fixo un firme chamamento contra a guerra no seu discurso e reivindicando un claro “non ás guerras” desde o sector audiovisual.

Veiga subliñou tamén a importancia da unión de todo o sector para fortalecer unha comunidade en constante crecemento e reivindicou o traballo das distintas asociacións profesionais na defensa dos dereitos e da cultura galega.

Lucía Veiga, presidenta da Academia Galega do Audiovisual, durante o seu discurso. EFE/Eliseo Trigo. Lucía Veiga, presidenta da Academia Galega do Audiovisual, durante o seu discurso. EFE/Eliseo Trigo.
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade