Publicador de contidos

Publicador de contidos

'Antes de Nós', 'As liñas descontinuas' e 'Sirat', encabezan as candidaturas aos Premios Mestre Mateo

'Antes de Nós', 'As liñas descontinuas' e 'Sirat', encabezan as candidaturas aos Premios Mestre Mateo

Máis de 20 producións están participadas pola CSAG, que acumula 60 candidaturas

A película participada por TVG 'Antes de Nós', con 18 candidaturas, lidera as candidaturas

Os filmes de Anxos Fazáns, 'As liñas descontinuas', e de Oliver Laxe, 'Sirat', competirán en 11 categorías

O Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo acollerá a cerimonia de entrega dos galardóns o vindeiro 21 de marzo

G24.gal 03/02/2026 09:51 Última actualización 03/02/2026 13:09

As películas Antes de Nós, de Ángeles Huerta, As liñas descontinuas, de Anxos Fazáns, e Sirat, de Oliver Laxe, encabezan as candidaturas aos XXIV Premios Mestre Mateo, que se entregarán en Lugo o próximo mes de marzo.

Máis de 20 producións están participadas pola Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), que acumula 60 candidaturas

Con 18 candidaturas Antes de Nós e 11 As liñas descontinuas e Sirat, respectivamente, estas obras competirán polos galardóns nas categorías de dirección, longametraxe, vestiario, produción, fotografía, arte e son, entre outras.

A Academia Galega do Audiovisual anunciou este martes a listaxe de obras e profesionais finalistas aos XXIV Premios Mestre Mateo desde o centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo. A actriz Andrea Varela e o presentador de TVG Juan Fuentes foron os encargados de dar lectura á comunicación das candidaturas.

Xunto ao anuncio de finalistas, a Academia Galega do Audiovisual desvelou que a actriz Trisha Fernández e o cómico Federico Pérez serán os encargados de presentar a gala, que dirixirá a realizadora Marta Arévalo

A gala dos Premios Mestre Mateo celebrarase o 21 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo e, como antesala, a organización avanzou unha programación de actividades gratuítas estará dispoñible para o público con proxeccións, encontros divulgativos sobre os segredos da organización da gala, unha charla cos presentadores e co Premio de Honra, e a creación do Premio Especial do Público, que permitirá votar pola película favorita.

A lectura das candidaturas tivo lugar este martes no Vello Cárcere de Lugo (Academia Galega do Audiovisual) A lectura das candidaturas tivo lugar este martes no Vello Cárcere de Lugo (Academia Galega do Audiovisual)

Lista completa das candidaturas

Os filmes Antes de nós, Sirāt e As liñas descontinuas copan 40 das candidaturas finalistas desta edición. A longametraxe Antes de nós, arredor da figura de Castelao, é a produción máis votada polas académicas e académicos, con 18 candidaturas, comezando pola de mellor longametraxe, que comparte con As liñas descontinuas, Sirāt e San Simón.

Antes de nós, participada por Televisión de Galicia, sitúa como finalistas a Ángeles Huerta en dirección e a Pepe Coira en guión, ademais de Cris Iglesias como interpretación feminina protagonista e Xoán Fórneas como interpretación masculina protagonista. En categorías de elenco son finalistas Luísa Merelas e Victoria Teijero, xunto con Adrián Ríos Rúa, Nancho Novo e o recentemente falecido Miquel Insua López. O filme é tamén finalista en dirección de fotografía con Lucía C. Pan AEC, dirección de produción con Lucía Caramelo, montaxe con Lucía Iglesias Fuentes, música orixinal con Sofía Oriana Infante Souto, son con Toni Penido, David Machado e Javier Pato, vestiario con Aránzazu Domínguez Veiga e maquillaxe e peiteado con Chicha Blanco e Lorena Calvo.

As liñas descontinuas acumula 11 candidaturas, en dirección para Anxos Fazáns e en guión, compartido por Anxos Fazáns e Ian de la Rosa, ademais de Mara Sánchez e Adam Prieto como finalistas nas interpretacións protagonistas. O filme compite tamén en dirección de produción con Nati Juncal e Silvia Fuentes, dirección de fotografía con Sandra Roca, montaxe con Diana Toucedo e Laura Piñeiro, música orixinal con Xavier Bértolo e son con Xavier Souto, David Machado e Javier Pato.

Pola súa banda, Sirāt suma 11 candidaturas, é finalista en dirección e guión con Oliver Laxe xunto a Santiago Fillol, e destaca nas categorías técnicas con Mauro Herce en dirección de fotografía, Oriol Maymó en dirección de produción, Cristóbal Fernández en montaxe, Kangding Ray en música orixinal, Amanda Villavieja en son, Nadia Acimi en vestiario e Zaira Eva Adén en maquillaxe e peiteado.

Na categoría de interpretación feminina protagonista compiten tamén Alba Flores por Punto Nemo, Lucía Veiga por Mi Ilustrísimo Amigo e Mara Sánchez por As liñas descontinuas. En interpretación masculina protagonista son finalistas Adam Prieto por As liñas descontinuas, Flako Estévez por San Simón e Luis Tosar por Golpes. En elenco feminino complétanse as candidaturas con Desiré Pillado por O Home Perfecto e Isabel Naveira por Lume, mentres que en elenco masculino é finalista Tatán por San Simón.

En televisión, Weiss e Morales sitúase como unha das series máis recoñecidas desta edición, con Lucía Estévez como finalista en dirección, Jaime Pérez AEC en fotografía e Gaspar Broullón e Lu Rodríguez en montaxe. Compite en mellor serie de televisión con Bibopalula, O Home Perfecto e Punto Nemo. O Home Perfecto suma tamén candidaturas para Sonia Prol en dirección de arte e Fani Mosqueira en maquillaxe e perruquería.

Na categoría de mellor programa resultaron finalistas Cinephilia, Cos Pés na Terra, Raíña-me! e O videoclub. Cinephilia destaca ademais polas candidaturas de Simone Saibene a Mellor comunicador/a e mellor realización, categoría en que compite con Diego Guerrero, Marcos Estebo e Breixo Llano, por Cos Pés na Terra; Marcos Nine, por Historias de Aquí, e Miguel Gomar, por Raíña-me!. En mellor comunicador/a son tamén finalistas Lucía Veiga, por Aquí Galicia Fest; Miguel Canalejo, por O videoclub, e Xosé Ramón Gayoso, por Luar.

En mellor documental son finalistas 360 Curvas, Ao son da nova regueifa, Deuses de pedra e O silencio herdado. As series web finalistas son Alucinema, Bechos, Contando los días e Pipo.

Nas categorías de curtametraxe, en imaxe real compiten Abellón, Adeus, Berta, Algo novo que contar e Curmán, mentres que en animación son finalistas Lucus, Nuno, O Corpo de Cristo e O Mesmo.

Na categoría de mellor videoclip optan ao premio Ferido de Xoán Fórneas, Hibernarse – O videofilme de Fillas de Cassandra; Non cho podo dar, de Sabela e María Escarmiento, e Ontes fun moi malo, de Grande Amore.

En mellor anuncio publicitario son finalistas Ao Noroeste do Oeste, Gadis – Compartimos la vida, Hematofesti 2025 – Festival de Humor e Literatura Infantil e Historia que nos impulsa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade