"Os CAR-T que agora compramos ás farmacéuticas vanse fabricar en Galicia"
O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, estima que a principios do ano que vén o Centro de Terapias Avanzadas de Galicia xa poderá subministrar estes tratamentos
A Xunta e as tres universidades concentran a investigación sobre terapias avanzadas, como o CAR-T, nunha nova unidade cooperativa que complementa o Centro de Terapias Avanzadas de Galicia, instalado no Campus Vida da Universidade de Santiago
O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, prevé que a finais deste ano o Centro de Terapias Avanzadas de Galicia fabrique os primeiros CAR-T académicos, uns tratamentos innovadores para a curación de diferentes tipos de cancros.
Nunha entrevista na Radio Galega, Jorge Aboal destacou a creación da Unidade Cooperativa de Investigación en Terapias Avanzadas que vai permitir concentrar o traballo dos grupos de investigadores das tres universidades galegas e das fundacións de investigación sanitaria.
"É unha Unidade que vai ser única en Galicia e vai unificar todos os investigadores que queiran contribuír na fabricación de CAR-T, que queiran investigar e poñer a Galicia na punta de lanza da investigación nesta terapia celular avanzada a nivel europeo", explica Aboal.
"Está formada por equipos de investigación que poden proceder de todos os núcleos de investigación que hai en Galicia e fóra de Galicia que propoñan a súa investigación utilizando os CAR-T. Unha terapia que irá non soamente a tumores líquidos, como temos agora, senón que irá cara a tumores sólidos, como os de páncreas ou de pulmón, e cara a outras enfermidades autoinmunes, como poden ser as doenzas reumatolóxicas ou neurolóxicas".
"A diferenza é que eses CAR-T que agora compramos á industria farmacéutica se van fabricar en Galicia e ademais van ser idénticos na súa xeración e efectos, soamente que como os fabricamos aquí, o custo será como catro ou cinco veces inferior ao que agora son os CAR-T que xa estamos poñendo nos hospitais de Vigo, A Coruña e Santiago".