Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xunta e sector piden celeridade na presentación do recurso ao veto da pesca

Xunta e sector piden celeridade na presentación do recurso ao veto da pesca

O Goberno garante que estará antes de que finalice o prazo, pero non concreta a data

O prazo para presentar o recurso no Tribunal de Xustiza da UE remata o 19 de novembro 

G24.gal 08/11/2022 20:33 Última actualización 08/11/2022 21:00

Desde a entrada en vigor do veto á pesca de fondo o 9 de outubro, a frota galega busca novos caladoiros ou vai a outros xa existentes, o cal se traduce en máis gastos, menos pesca, e falta de espazo físico.

"Están pescando a metade, por iso, alargan as mareas. Iso é un problema para os barcos, á parte de que non hai espazo físico para os barcos. Hai moitos que teñen que agardar dous ou tres días a que saia un barco para entrar el. Se un barco antes viña cada 12 ou 13 días, e agora faino cada 19 ou 20, evidentemente redúcense as descargas e increméntanse os custos", di Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Confrarías.

As confrarías pídenlle ao Goberno celeridade na presentación do recurso ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea. E tamén o fai a Xunta.

"Creo que nunca un ministro do Goberno de España tivo tanto apoio de todas as comunidades autónomas e de todo o sector para axudarlle na busca deses argumentos para poder presentar este recurso. Polo tanto, eu espero que cheguen a tempo e o día 19 como data límite estea presentado ese recurso e tamén que poidan pedir a suspensión temporal deste acto de execución", asegura Rosa Quintana, conselleira do Mar.

E o Goberno comprométese a facelo o antes posible, pero, nunha reunión de confrarías en Burela, a secretaria xeral de Pesca evitou concretar a data de presentación.

"Estamos construíndo unha literatura moi eficaz, moi sólida para poder formular este recurso. Ímolo facer seguro en tempo e, probablemente, antes de que finalice o prazo de presentación pero con todas as garantías e con toda a contundencia", afirma Alicia Villauriz, secretaria xeral de Pesca.

Aínda non hai cifras exactas, pero o sector estima que o veto á pesca de fondo lle custará a Galicia unhas perdas anuais de 800 millóns. O que si está calculado e que son 200 barcos e 4.400 tripulantes os afectados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade