Xunta e Agaela piden ao Goberno que amplíe os criterios para conceder as axudas da nova Lei ELA
A asociación galega de ELA calcula que as axudas da nova lei só chegarían ao 5 % dos doentes, en fases avanzadas da enfermidade
As axudas da Xunta para a ELA quedarán exentas de tributación en 2026
Conta Manolo Castro, de Boqueixón, que foi futbolista, árbitro e albanel. En 2002 Notouse torpe, con dificultades para moverse, e comezaron as probas. Meses despois, chegou o diagnóstico: esclerose lateral amiotrófica.
"Cheguei á casa e díxenlle á muller: teño ELA, sabes o que é? pois disque vou palmar en tres anos", lembra Manolo. Xa van 23 anos daquilo, e di que ten o humor e o ánimo intactos. Non así a mobilidade. "A mobilidade vai a menos, iso é evidente -di-, a min téñenme que dar de comer, de beber, teñen que me duchar, que me levantar, teñen que facerme todo".
Dese "todo" encárgase Cruz, súa muller e coidadora. Tiveron que ir adaptando a casa, as terapias e os equipamentos segundo foi avanzando a enfermidade. "Implica moito gasto, hai familias que non se poden permitir iso", lamenta Cruz Ansemil. Di que eles teñen a sorte de que "el ten unha pensión e eu traballo", e dá "grazas ás axudas, sen iso non poderiamos ter isto adaptado".
Manolo ten recoñecido o grao III de dependencia, pero quedaría fóra das axudas creadas coa nova lei da ELA. Serían ata 10.000 euros ao mes para as persoas con ELA en estado avanzado, que se incluirían nun novo grao de dependencia, o III+.
"Os que teñen traqueotomía e ventilación, os outros non valemos", lamenta Manolo. Calcula que nese grupo estarían o 5 por cento dos doentes: "de 300 galegos, a 15 chegarán as axudas".
Xunta e Agaela piden ao Goberno que amplíen o acceso ás axudas, para que cheguen a todos. "Necesitan facer terapias, logopeda, fisioterapeuta, necesitan moita axuda", explica Fabiola García, conselleira de Política Social. Por iso -di- piden "axudas para todos os pacientes con ELA, non só para o 5 por cento da poboación".
A Xunta outorga axudas de 12.000 euros ao ano ás persoas con ELA, cunhas 200 beneficiarias. A conselleira anunciou que a partir do ano que vén, esas axudas quedarán ademais libres de tributación.