Di a Xunta que as axudas do Goberno para enfermos de ELA só chegarán ao 5 %
A conselleira de Política social sostén que a maioría quedará fóra polos criterios establecidos para acceder a esas axudas

A conselleira de Política Social sostivo este xoves que as axudas para as persoas con ELA comprometidas esta semana polo Goberno central só chegarán ao 5 % dos enfermos.
“Deixa fóra á maioría debido aos criterios establecidos para acceder a elas”, dixo Fabiola García.
Segundo denunciou a conselleira, o Real Decreto establece a creación dun novo grao de dependencia, denominado grao III+, que obrigará ás persoas que se atopan nas fases máis avanzadas da enfermidade para someterse a outro baremo, no que deberán acreditar novos requisitos.
Aventurou que, polo tanto, o acceso a este novo grao “será extremadamente complexo”, xa que moitos dos enfermos falecen antes de cumprir estes condicionantes.
Durante a celebración do consello territorial, o Goberno galego tamén dixo que as partidas económicas están reservadas en exclusiva aos graos III+, polo que na práctica quedarían fóra destas axudas a gran maioría de pacientes, aproximadamente o 95 % dos diagnosticados.
Ademais, puxo o foco en que esta axuda económica só poderá destinarse á contratación de coidados persoais vinculados ao Servizo de Axuda a Domicilio ou a asistentes persoais.