A alcaldesa de Santiago irá á folga xeral e di que hai motivos para secundala
Goretti Sanmartín non terá axenda o 11 de novembro nin participará en ningunha reunión
Goretti Sanmartín. Concello de Santiago.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, defendeu este luns o dereito a folga e avanzou que secundará o paro xeral convocado para este mércores.
A preguntas dos medios, a rexedora afirmou que existen "suficientes razóns para acudir á folga", remarcando que tanto o grupo de goberno local como as dúas forzas políticas que o integran apoian a convocatoria.
Segundo detallou, secundar a xornada de paro implicará non contar con axenda pública e non convocar nin participar en reunións internas ou externas con outras persoas durante esa xornada.
A rexedora engadiu que realizará un seguimento continuo da actualidade e de todo o que aconteza no municipio, "como non pode ser doutro xeito".
"Sigo sendo alcaldesa da cidade", concluíu.