O BOE publica o acordo que financia a lei ELA con prestacións de ata 10.000 euros
A validación deste decreto crea un novo grao de dependencia extrema ou grao III+
Todos os grupos parlamentarios votaron a favor da validación do decreto, aínda que foron moi críticos co feito de que o financiamento para implementar esta lei chega moi tarde
Arquivo TVG
O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este sábado a aprobación, por unanimidade, do decreto que desenvolve o financiamento da lei ELA e que permitirá outorgar prestacións de ata 10.000 euros ao mes a persoas con esta enfermidade en fase avanzada.
Desta forma ratifícase a validación deste decreto que desenvolve as medidas para o fortalecemento do Sistema de Autonomía e Atención á Dependencia e cumpre coa mellora da calidade de vida das persoas con esclerose lateral amiotrófica (ELA) e outras enfermidades ou procesos de alta complexidade e curso irreversible.
O pleno do Congreso aprobou o mércores pasado, por 346 votos a favor e ningún en contra, a validación deste decreto que crea un novo grao de dependencia extrema ou grao III+ para dar protección específica a persoas con enfermidades neurolóxicas que necesitan coidados de alta complexidade e para garantirlles atención personalizada 24 horas.
Ademais, refórzase o sistema de dependencia con 500 millóns de euros para garantir a atención "intensiva e personalizada" das persoas con esclerose lateral amiotrófica en fase avanzada.
Todos os grupos parlamentarios votaron a favor da validación do decreto, aínda que foron moi críticos co feito de que o financiamento para implementar esta lei chega moi tarde, xa que pasou un ano desde a aprobación da norma.
A lei ELA aborda tamén a protección ao coidador, que mantén a base de cotización do seu anterior traballo, de forma que non afecte á súa pensión futura; e axudas económicas para persoas electrodependentes.
Tamén crea un Rexistro Estatal de Enfermidades Neurodexenerativas, con datos sobre a súa prevalencia, e inclúe unha estrutura para a investigación no Instituto de Saúde Carlos III dedicada especificamente a estas enfermidades.