Corgos ve "frustrante" que o Goberno non atenda as alegacións ao sistema de financiamento
O conselleiro observa "importantes debilidades" na proposta do Goberno, pero xustifica a súa presenza na reunión "por lealdade institucional"
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, momentos antes do inicio do Consello de Política Fiscal e Financeira que se celebra en Madrid EFE/Chema Moya)
O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, considera "frustrante" que o Goberno se negue a "estimar" as alegacións feitas polas comunidades autónomas á proposta formulada para actualizar o sistema de financiamento autonómico.
"Imos tentar ata o final que se devolva esa proposta de financiamento e que se visualice tamén esa falta de vontade negociadora do Goberno", declarou aos medios á súa chegada ao Consello de Política Fiscal e Financeira.
O conselleiro observa "importantes debilidades" na proposta do Goberno porque, ao seu xuízo, romper coa equidade entre territorios. Insiste en que defenderá as propostas xa presentadas por Galicia "nas diferentes reunións previas" para modificar o acordo inicial.
Corgos lamenta a falta de vontade negociadora por parte do Goberno e afirma que o Executivo ten "as mans atadas para negociar calquera variación sobre o modelo que se presentou e que negociaran previamente con Esquerra Republicana".
Xustifica a asistencia tras a ausencia de Madrid
Corgos defendeu a súa asistencia ao CPFF malia os chamamentos da Comunidade de Madrid para non acudir a esta cita. Asegura que participa por "lealdade institucional": "Xa anunciaramos a nosa comparecencia e somos consecuentes co que fixemos", resolveu o titular de Facenda.
En calquera caso, indicou que a postura do Executivo madrileño neste debate é "moi parecida" á do galego, pero que "eles a manifestan dunha forma diferente".