Dous veciños da Fonsagrada sentan no banco dos acusados por agredirse mutuamente con aveños de labranza
Dous veciños da Fonsagrada sentan no banco dos acusados por agredirse mutuamente con aveños de labranza
Polos delitos de lesións, piden dous anos de cadea para un e catro para outro, que se atacaron reciprocamente cunha pa e cun rodo
Francisco Javier e Álvaro Vilabrille sentaron no banco dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo por unha agresión mutua con apeiros de labranza. Protagonizárona, en febreiro de 2022, no lugar fonsagradino da Sendiña, onde residen ambos.
Segundo o escrito da acusación, un dos imputados achegouse á casa do seu veciño co ánimo de agredilo cunha pa, polo que o segundo se defendeu golpeándoo na cabeza cun rodo. Como consecuencia, o primeiro perdeu un ollo, mentres que o segundo ten un trastorno ansioso depresivo.
"O noso punto de vista é que Francisco foi unha vítima. Sufriu unha agresión brutal sen mediar ningún tipo de ameaza nin discusión. Levou un golpe moi forte na cabeza que lle fixo perder un ollo. Logo, no chan hai saña, polo que entendemos que hai unha tentativa de homicidio", explica Juan Vidal, avogado dun dos acusados.
Ambos acusados tiñan desavinzas dende anos atrás. De feito, en marzo de 2011 xa foran noticia cando Francisco Javier ingresara en prisión por tentativa de homicidio. Disparara cunha pistola contra o cortello onde se encontraban os seus veciños, que eran Álvaro e mais o seu pai.
Agora, a Fiscalía do tribunal lucense pide 4 anos de cadea para Álvaro, por lesións agravadas, e dous anos para Francisco Javier por lesións con instrumento perigoso. Pola súa parte, as acusacións particulares elevan as penas ao tempo que piden a absolución para os seus defendidos.
"Entendemos que os feitos son dunha gravidade moi importante e que a petición que facemos de tentativa de homicidio é razoable e axustada a dereito. Si é certo que o ministerio fiscal comprou un pouco esa versión da outra parte e di que houbo algún tipo de desencontro, pero iso non esta acreditado nin testifical nin documentalmente", sinala Juan Vidal.
O xuízo quedou visto para sentenza.