Retoman o servizo de tren entre Moeche e Cerdido, suspendido polo incendio nun convoi
Os viaxeiros que nese momento viaxaban no tren foron evacuados sen danos
O Adif informou esta tarde, contra as 13:30, do restablecemento da circulación de trens entre Moeche e Cerdido que fora suspendido esta mañá por mor do incendio na cabina dun convoi.
O sinistro produciuse nun tren de media sistancia na liña de Ancho Métrico Ferrol-Ortigueira á altura da parroquia de Lavacengos, en Moeche.
O aviso produciuse ás 9:25 horas, cando fontes de ADIF informaron de que a cabina dianteira do convoi estaba a arder. No interior viaxaban menos de dez persoas, que foron evacuadas sen resultar feridas.
Inicialmente, o maquinista do tren utilizou un extintor para sufocar as lapas, aínda que o lume non quedou completamente extinguido e xerouse unha densa columna de fume.
Ata o lugar desprazáronse efectivos dos bombeiros do Eume e da Garda Civil, que lograron apagar o incendio. Segundo as primeiras investigacións, o foco localizouse no motor da máquina, que non resultaría gravemente danado.