O Adif licita a redacción do proxecto para construír un apeadoiro en Valga
Esta infraestrutura conectará Valga coa liña convencional do tren A Coruña-Vigo
O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) sacou a licitación a redacción do proxecto para a construción dun apeadeiro na localidade de Valga, tratándose dunha "reivindicación histórica", segundo apuntou o propio ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, na súa conta oficial da rede social X.
Tal como recolle a Plataforma de Contratación do Sector Público, o obxectivo é contratar os servizos para a redacción do estudo de alternativas e proxecto de construción e para a dirección facultativa, control de calidade e coordinación de seguridade e saúde das obras correspondentes á construción do novo apeadoiro de Valga.
O orzamento base de licitación, sen impostos, é de 213.785 euros e non inclúe financiamento con fondos europeos. O prazo para presentar candidaturas pechará o 28 de abril.
"Imos levar o tren a Valga", subliñou Puente, explicando que esta infraestrutura conectará este concello coa liña convencional A Coruña-Vigo.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, celebrou esta licitación, indicando que a previsión é que a execución das obras suporá un investimento de ata 2 millóns de euros.
"O apeadeiro situarase na liña de Vilagarcía á bifurcación de Angueira, no trazado en vía única que vai paralelo ao eixo atlántico. Estará na contorna da área industrial que hai nesa zona, prestando un servizo moi útil para todos os traballadores e para os veciños de Valga", subliñou Losada, recoñecendo que a localización exacta aínda está por decidir a partir da licitación coñecida este martes.