Un arrastreiro de Cangas, o primeiro pesqueiro en instalar a bordo un bote salvavidas insomerxible
Ten capacidade para 36 persoas, accédese a el directamente dende a cuberta do buque, posúe sistemas de radio e xeolocalización e é completamente autónomo
O prototipo é froito dun proxecto da organización de buques conxeladores (OPPC-3), financiado con fondos europeos, que procura mellorar a seguridade no mar
O Eirado do Costal, da armadora canguesa Moradiña, arrastreiro que pesca en augas de Terra Nova, é o primeiro pesqueiro da frota española en dotarse cun bote que adoitan levar os grandes mercantes
Un buque arrastreiro de Cangas é o primeiro da frota pesqueira española en instalar a bordo un bote salvavidas insomerxible. O prototipo, financiado con fondos europeos, foi presentado este martes e supón unha mellora notable na seguridade dos mariñeiros ante un naufraxio.
A principal vantaxe deste bote ríxido é que a tripulación pode acceder a el dende o propio barco, sen entrar en contacto coa auga do mar, o que implicaría risco de afogamento ou hipotermia.
"Embarcamos dende a cuberta pola porta e unha vez que comprobamos que estamos todos a bordo, comezamos o proceso de arriado. É un sistema simple, accionamos unha palanca e descendemos o bote ata que toque auga, unha vez no mar, desenganchamos e afastámonos do barco", comenta Manuel Otero, patrón de pesca e capitán do buque Eirado do Costal.
O arrastreiro é propiedade da armadora canguesa Moradiña, que colabora con OPPC-3 no desenvolvemento do proxecto.
O bote ten capacidade para 36 persoas, por riba da dotación deste buque, que conta 31 tripulantes. É totalmente insomerxible, autopropúlsase con motor diésel e posúe equipos de radio e xeolocalización. A manobra de arriado é rápida e autónoma.
"Un sistema hidráulico, con acumuladores, que posibilita que,aínda que o barco quede sen electricidade, poidas arrair o bote de xeito autónomo", sinala Cristóbal Gómez, inspector da armadora Moradiña.
O bote foi probado xa en augas de Terra Nova, onde pesca o Eirado do Costal, primeiro pesqueiro en instalar este prototipo que empregan habitualmente os grandes mercantes. Polo seu peso e tamaño, non todos os barcos poden levalo a bordo.
"Creo que en moitas das unidades da frota si poderá instalarse. Así que é cuestión de analizar, de estudar cada caso e traballar noutro proxecto, se cadra extendido deste que agora conclúe", afirma Edelmiro Ulloa, directivo da cooperativa Arvi e xerente da Organización de Produtores de Buques Conxeladores de Merlúcidos e Cefalópodos.
Foi deseñado por unha empresa nórdica e custa arredor de 300.000 euros. O proxecto está financiado con fondos europeos destinados á mellora da seguridade no mar.