Publicador de contidos

Publicador de contidos

"É un profesional da condución, non vai de paseo", di sobre o maquinista un xerente de seguridade do Adif

"É un profesional da condución, non vai de paseo", di sobre o maquinista un xerente de seguridade do Adif

Fernando Rebón, quen era colaborador do ex-xefe de seguridade na circulación Andrés Cortabitarte no momento do accidente, di que Garzón circulou "fóra da realidade" durante un minuto e medio

Na súa declaración dixo que non había motivos para modificar a seguridade na curva de Angrois: "Se non detectas o risco, sobre que vas actuar?" 

G24.gal 24/11/2022 09:07 Última actualización 24/11/2022 14:25

O xerente da área de seguridade na circulación da zona noroeste do Adif Fernando Rebón comparece este xoves no xuízo polo accidente do Alvia, no que se preguntou, a requirimento do fiscal: "Sobre que vas actuar se non detectas o risco".  

Rebón tiña funcións de inspección e o seu superior era o exdirector de seguridade de Adif Andrés Cortabitarte, procesado por unha deficiente análise de riscos na liña.  

A advertencia de Mazaira, sen importancia

Na súa declaración restou importancia ao aviso do xefe de maquinistas José Ramón Iglesias Mazaira sobre o perigo da curva de Angrois. Asegurou que a el non lle chegou e ademais opinou que se o informe o solicitase o seu xefe meses despois "non achegaría esa particularidade porque se daría conta de que os maquinistas xestionaban a velocidade de forma normal".  

Recriminou a Mazaira que se entendía que había "un risco de que se produza un accidente" non debería quedar coa resposta que obtivo daquela advertencia. "Se tivese tan claro que existía ese risco quizais tería que chamar a outras portas e en particular ás comisións de seguridade onde se tratan estes asuntos", dixo.

"A seguridade estaba suficientemente controlada en mans do maquinista"

Rebón defendeu deixar "en mans dun profesional da condución" a xestión do control da velocidade, "e coas axudas que achegaba o sistema", que era o ASFA. "O ASFA axuda ata onde axuda e o maquinista sábeo desde o primeiro día", puntualizou.  

"Era unha situación asumida no sector que a seguridade estaba suficientemente controlada deixando en mans do maquinista a xestión da velocidade, é a súa principal función cando vai no tren", aseverou.  

Preguntado pola sinalización e se sería adecuado situar outros sinais, sinalou que os inspectores "non cuestionan ese tipo de decisións", a non ser que detecten "algún indicio ou evidencia dun risco non suficientemente controlado, porque se un maquinista por un descoido pasa a unha velocidade inadecuada ou o transmite". Nese caso, admitiu, si "actúan". Pero "se non detectas o risco, sobre que vas actuar?", concluíu.

"É un profesional da condución, non vai de paseo"

Na súa comparecencia, este excargo de Adif, convocado como testemuña-perito, cargou contra o maquinista Francisco Garzón, o outro procesado no xuízo.  

Desde o seu punto de vista, "nas condicións en que circulaba", serviría "de pouco" instalar sinalización lateral como propuxo Mazaira posto que circulou "fóra da realidade" durante un minuto e medio.

"É un profesional da condución, non vai de paseo", recriminoulle.

Máis adiante, incidiu en que Garzón "non cumpriu co seu labor" xa que "por unha chamada telefónica perdeu a conciencia de por onde ía circulando".  

Ante o fiscal, asegurou que el e outros compañeiros non permitían o uso do teléfono móbil durante a condución, ao velo "un elemento de distracción". "Algún inspector chegou ao extremo de facer retirar o teléfono móbil" a maquinistas, segundo apuntou. "Non entrabamos na disquisición de se era particular ou corporativo", chamou a atención.  

Así, indicou que conducindo só permitían que se utilizase a radiofonía, aínda que admitiu que con ela "ao final podería despistarse tamén", pero "ese si é un elemento permitido".  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade