Xuízo do Alvia: un perito cre que o "adecuado" sería "un segundo nivel de protección"
José Manuel Lamela, enxeñeiro industrial, analizou o material rodante e concluíu que non tiñan anomalías ás que se lles puidese achacar o accidente

O primeiro do tres peritos xudiciais que declaran no xuízo polo accidente do Alvia, José Manuel Lamela, enxeñeiro industrial, cre que o "adecuado" sería pór "un segundo nivel de protección", posto que "sempre" vai producirse ao longo do tempo un "descoido" ou "erro" do factor humano.
Así o destacou, ás preguntas do fiscal e das distintas partes, nesta nova sesión do xuízo, que se prolongou durante pouco máis dunha hora.
Lamela achegou dous informes en fase de instrución nos que analiza o material rodante, que "en principio" non detectou que tivese anomalías relevantes no relativo á causa do sinistro. Así, asegurou, que se detectaron unha "serie de pequenas irregularidades", pero que non foron causa do accidente. Trátase, entre outros, de problemas no freo dunha cabeza motriz e no torneado das rodas, pero que segundo o perito non influíron no descarrilamento.
Segundo subliñou, o exceso de velocidade co que o maquinista tomou a curva foi o que orixinou o descarrilamento, pero sería "adecuado", na súa opinión, que existise "un segundo nivel de protección", para evitar que a traxedia se producise en caso de "erro" ou "descoido" humano.
Con todo dixo que se trataba dunha opinión propia, pois non era o ámbito de investigación que se lle encomendou.
Explicou Lamela que segundo os seus cálculos a velocidade de descarrilo sería de 156 km/h, de xeito que a 155 o accidente non se produciría, pero a pesar de que o límite de velocidade na curva na que se produciu o sinistro era de 80 km/h dixo que esa marxe non supoñía unha segunda barreira de seguridade.
A preguntas da defensa do maquinista, xa ao final da súa declaración volveu dicir que "baseándose en todos os estudos que hai sobre actuacións humanas, está claro que o que é digamos un despiste, ou chámelle como queira, vaise producir". "Entón de aí veñen os chanzos de protección para que eses descoidos non se poidan dar", concluíu o perito.