Técnicos da consultora que avaliou a liña Ourense-Santiago só comprobaron que cumpría as normas
As tres testemuñas-peritas que declararon no xuízo do Alvia este mércores aseguran que non era a súa misión garantir que o traxecto era seguro
Aseguran que só avaliaron parte da ruta, que non incluía o lugar do accidente
Os técnicos da consultora pública Ineco, que realizou a avaliación independente da liña Ourense-Santiago ratificaron que o seu informe só avaliaba parte do traxecto, e non incluía a análise do lugar do accidente do Alvia en Angrois.
Insistiron en que non avaliaron riscos nin achegaron solucións para mitigalos, senón que se limitaron a comprobar que os documentos achegados pola Unión Temporal e Empresas que fixo a obra se axustaban á norma e exportaban riscos tolerables que eles deron por bos e os trasladaron ao ADIF.
Laura López, xefa do equipo que redactou ese documento e que agora traballa no Metro de Madrid, explicou que a súa misión era a de ser uns "segundos ollos", "un certificador, un auditor, que se ve que se sae do que pide a norma, o diga".
Por tanto, Ineco, esa sociedade mercantil dependente do Ministerio de Transportes, "non avalía os riscos" e si, exclusivamente, "o proceso que seguiu o tecnólogo", é dicir, a UTE.
O dossier elaborado por Ineco, no que non hai curvas nin rectas, "só velocidades", e que foi datado e asinado o 5 de decembro de 2011, chegaba ata O Irixo, ata onde había ERTMS, polo que a curva da Grandeira, onde o 24 de xullo de 2013 descarrilou o tren co saldo de 80 mortos e 145 feridos, estaba fóra do seu alcance.
Do mesmo xeito que Laura López, tamén Javier Salvador Arriaga, que na actualidade tampouco segue no Ineco, incidiu en que o labor do Ineco é estritamente a de "control formal sobre se a UTE respectou a normativa na avaliación de riscos".
Sobre a baliza que se colocou en Angrois tras a traxedia ferroviaria cuxas responsabilidades se dirimen nesta vista oral, dixo Arriaga que non se podería instalar antes porque non había normativa que amparase a súa colocación.
Do mesmo xeito expresouse a súa compañeira, que indicou que "non podes implementar algo que non estea aínda regrado; non podes facelo de forma autónoma, ten que levar un estudo importante".
Jorge Merino, o outro profesional en responder as preguntas, corroborou, do mesmo xeito que os seus antecesores, que non estaba sobre a mesa engadir elementos de seguridade que non constasen no regulamento, que era a referencia.
"Xa existiría un control adecuado co mero regulamento xeral de circulación sen outra intervención do Adif?", preguntoulle de maneira directa o fiscal Mario Piñeiro. "Entendo que si. Os riscos xa serían aceptables", respondeu Merino.
Este xoves será un día clave nesta vista oral, pois declara o antigo xefe da Axencia Ferroviaria Europea (ERA), Christopher Carr, que denunciou a falta de independencia da investigación técnica de Fomento que fixo responsable do sinistro exclusivamente ao maquinista Francisco José Garzón Amo.
A plataforma de vítimas 04155 anunciou unha concentración este 1 de decembro. Unha acción reivindicativa coa que queren lembrar que nun informe de 2016, a ERA concluíu que o Goberno non cumpriu coa obrigación de investigar a traxedia (Directiva de Seguridade 2004/49/CE), poñendo de manifesto "a falta de independencia e a invalidez da investigación realizada" polo Goberno, en concreto pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) ao non analizar as causas "raíz", precisamente as que afectan a Fomento, Renfe e o Adif.
Ademais, a ERA no seu informe e nas súas respostas ao xulgado, indica esta asociación, sinala que "o risco foi identificado" na liña de Ourense-Santiago e “exportado ao condutor”, cando o Adif "tiña que xestionalo" e controlado mediante o seu Sistema de Xestión de Seguridade (SGS).
Por mor do informe, tanto o Parlamento como a Comisión Europea solicitaron en varias ocasións aos diferentes gobernos que se repita a investigación.