Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xosé Lago: "Sería importante aproveitar o cumio para avanzar en infraestruturas cun atraso xa importante"

Xosé Lago: "Sería importante aproveitar o cumio para avanzar en infraestruturas cun atraso xa importante"

O subdirector da Agrupación Territorial Galicia-Norte de Portugal recoñece que non é a primeira vez que as comunidades fronteirizas non están convidadas a estas xuntanzas, pero "o razoable é que estivesen presentes"

Desde a Eurorrexión reclaman ademais a posta en marcha dun Estatuto do Traballador Transfronteirizo para os cidadáns que viven nun país e traballan noutro

G24.gal 04/11/2022 09:43

Avanzar nas infraestruturas pendentes entre os dous países. É a petición que lanza a Agrupación de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal aos gobernos de España e Portugal, reunidos este venres no cumio hispano-luso que se celebra en Viana do Castelo. 

O subdirector deste organismo, Xosé Lago, salienta a importancia de ter unha rede de estrada e ferrocarril axeitada para que poda haber unha comunicación "máis fluída" entre os dous países. Dicía nunha entrevista no 'Galicia por diante' da Radio Galega:

"Neste cumio, que ademais vai ter lugar dentro da Eurorrexión, sería importante que se dese un avance significativo a unhas infraestruturas que xa levan un atraso importante". 

Xosé Lago lamenta que o Goberno español non avanzase na liña de alta velocidade, cando o executivo luso xa puxo enriba da mesa "prazos e cartos".

Segundo o subdirector da Agrupación Galicia-Norte de Portugal, "ter unha vía de ferrocarril axeitada aos tempos en que vivimos facilitaría unha conexión rápida en todo o eixe A Coruña-Vigo-O Porto-Lisboa" e sería un avance tan importante "como no seu día o foi a construción das autoestradas".

Para conseguilo, segundo Lago, habería antes que darlle unha solución á saída do tren desde Vigo e facer que a estación de tren de Urzáiz "pasara de ser estación termo a ser estación pasante".

"Queremos que se solucionen eses atrancos para ter esa vía en condicións e en tempo. Sabemos que pode ser complicado comezar os trámites pero non se entende ese atraso".

A Eurorrexión reclama a posta en marcha do Estatuto do Traballador Transfronteirizo

Outra das demandas que a agrupación Galicia-Norte de Portugal pon enriba da mesa coincidindo coa cimeira de Viana é a posta en marcha do Estatuto do Traballador Transfronteirizo, unha ferramenta que se prometeu aprobar en 2020, pero que segue sen ser unha realidade. Xosé Lago é pesimista: "En 2021 decidiuse constituír o grupo de traballo e agora, en 2022, non vemos que se poda conseguir sacalo adiante".

"Este Estatuto clarificaría as cousas para que os traballadores que viven nun país e traballan noutro teñan máis seguridade xurídica e teñan un tratamento axeitado para as súas demandas".

Lago lembra que durante a pandemia, cando se pecharon as fronteiras, os traballadores transfronteirizos "tiveron unha serie de inconvenientes brutais para facer o seu traballo e tamén maiores custos".

Ao seu xuízo, o Estatuto dos Traballadores Transfronteirizos "debería ser o primeiro paso antes da aprobación do Estatuto dos Cidadáns Transfronteirizos, que daría unha solución ao tránsito dos menores non acompañados. Con el, sería máis doado, por exemplo, que un rapaz de Tui, puidese ir á piscina a Valença".

No cumio non participan as comunidades e rexións transfronteirizas de ambos os países. O subdirector da agrupación Galicia Norte de Portugal recoñece que non é a primeira vez que non están convidadas.

Asegura que tanto as catro comunidades españolas como as catro rexións portuguesas fronteirizas pediron unanimemente formar parte das delegacións dos seus respectivos países. Segundo Lago, "o razoable é que estivesen presentes".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar