Unha empresa de Lugo pon en marcha a xornada laboral de catro días
Os xestores da empresa din que con estes horarios aumentou a produtividade
Catro días á semana. Un equipo de luns a xoves e outro de martes a venres. En total trinta e dúas horas de traballo nun horario de nove a seis da tarde. Non pinta mal. Isto é o que decidiron facer hai meses nunha pequena empresa luguesa de márketing dixital.
E o caso é que esta redución laboral de catro días á semana está axudando a incrementar a produtividade nesta empresa, á parte de facilitar a tan manida conciliación familiar. Traballan mellor e atenden con menos estrés os seus clientes.
Ben é certo que esta é unha empresa pequena, o que facilita a organización do traballo, pero pola súa experiencia noutros ámbitos pensan que a xornada laboral de catro días podería implementarse en moitas empresas. A clave está na organización e na tecnoloxía.
Son poucos polo de agora os que se atreven a instaurar a semana laboral de 4 días, pero experiencias como a desta axencia luguesa quizais sirvan para animar máis empresarios. O reto está aí.