Xornada de limpeza en Monforte nos locais inundados durante a treboada
Os hostaleiros afectados piden melloras na rede de evacuación das augas pluviais
Os bombeiros de Monforte estiveron ata a madrugada achicando a auga que inundou varios locais na zona da Compañía. Para os responsables dos negocios afectados, foi unha noite longa, e dende primeira hora da mañá continuaron cos labores de limpeza.
Á espera de rematar co balance das perdas ocasionadas, sinalan que son cuantiosas. "Hoxe toca limpeza a fondo. En principio, penso que non hai ningunha máquina que estea estragada, pero é un día de moito traballo para nós", di Luísa Gómez, hostaleira.
José Manuel Rodríguez, tamén hostaleiro, explica que se "derramaron moitas cousas. Maquinaria, non sabemos, porque saltan os automáticos coa humidade que hai. No momento que acendamos, miraremos e faremos unha valoración".
"Era a unha e media cando saín de aquí, despois de estar recollendo e limpando todo. Foi unha cousa esaxerada, o que aquí caeu. Puxen unha táboa, pero así e todo chegoume a auga ata o fondo", relata Luís Linares.
Os hostaleiros están afeitos a que se anegue esta parte da vila, pero aseguran que non lembran un asolagamento coma este. Para que non se repita, piden que se realicen melloras na rede de evacuación das augas pluviais.
"A rede de augas é bastante deficiente. Temos moitas avarías con ela. E cos colectores algo ten que fallar, porque se non tiñan que tragar máis auga", lamenta Manuel Losada.
E Luísa di que "no que levo aquí, en 22 anos, coma o de onte nada. Foi moitísima auga en pouco tempo".
Ademais de anegar a zona da Compañía, a treboada tamén provocou danos no edificio dos xulgados, onde parte do teito se veu abaixo debido á entrada de auga.