Toda España baixo a vaga de calor: avisos laranxa ou amarelo en todas as comunidades
Investigan se unha traballadora da limpeza faleceu por un golpe de calor en Barcelona
O sábado acadouse un récord histórico para o mes de xuño: 46 graos na localidade onubense de El Granado
En todas as comunidades autónomas activáronse avisos de nivel laranxa ou amarelo por calor este domingo. As temperaturas acadaron niveis anormalmente elevados e persistentes, co que poden supoñer un risco para algunhas persoas. E de noite tampouco se descansa.
"É terrible, ultimamente a sensación térmica chega a 35 graos. Toda a noite e todo o día co aire". "Coas ventás abertas, por sorte podo facer corrente". "Tiven que facer uso do ventilador e aínda así non me chegaba", din unhas persoas na rúa en Barcelona.
En Barcelona, unha empregada da empresa concesionaria do servizo de limpeza das rúas faleceu no seu domicilio, tras completar a súa xornada laboral de sete horas. Vanlle facer a autopsia para aclarar se foi debido a un golpe de calor.
Mentres en Valencia buscaban algo de alivio na praia, en Toledo, os turistas andaban á procura da sombra. Calor abafante tamén no norte. No mesmo Bilbao teñen que poñer o aire acondicionado.
"Moi mal, levamos a calor horriblemente. Esperabamos que houbese algo de fresco pero non se pode andar pola rúa". "Os plans teñen que ser pola noite, en camiseta e pantalóns curtos. E o mellor é que a miña familia comprou hai anos un sistema de aire acondicionado. Daquela a xente ríase", din dúas persoas na capital biscaíña.
Sevilla é outra das capitais con máximas por riba dos 40 graos. A previsión é que mañá acaden na capital andaluza os 42, e que as temperaturas continúen en valores extremos ata o martes, en boa parte do país.