Monforte, asolagado tras unha intensa treboada
O sur de Lugo e algunhas zonas de Ourense, as máis afectadas
Monforte anegouse en tempo récord
As fortes treboadas no interior de Galicia arrasaron ao seu paso por varias vilas. Lóstegos e pedrazo acompañados de intensas chuvias afectaron o sur de Lugo e parte de Ourense. Verín, O Barco, Chantada e especialmente Monforte son os concellos que máis sufriron os estragos da tormenta.
Luis Linares, un comerciante, deu protexido algo o interior do seu negocio cunha táboa que, cando menos, impediu que a tromba entrase con toda a forza no local.
"A auga saltábame por riba da táboa, e chegoume ao fondo de todo", di Luis Linares, dono dun 24 horas.
Primeiro foi a tormenta eléctrica, con máis de mil raios, e despois, a descarga de auga, uns setenta litros por metro cadrado. Entre os que peor o pasaron están os condutores que circulaban pola estrada nese momento.
"Houbo que rescatar catro ou cinco persoas, que quedaron atrapadas nos coches, había unha balsa de auga, os coches apagáronse e quedou xente dentro, algún púxose moi nervioso", din os bombeiros
No club de montaña e piragüismo estaban a ver que material se podía salvar logo de que se lles asolagase o local.
Houbo sotos en que a auga chegou aos dous metros de altura. Neste comercio de equipamento deportivo teñen aínda que facer moitas contas.
"Botas de gore tex, chándales... todo o que estaba no primeiro andel está flotando, veremos mañá ou pasado", lamenta o dono da tenda.
Haberá que calcular moitos máis danos, como os que se puideron producir nas viñas da Ribeira Sacra. Así caeu o pedrazo en Chantada. As tormentas desenvolvéronse maiormente no sur de Lugo, pero a sarabia colleu por sorpresa tamén vilas de Ourense como O Barco e Verín.