Xinzo de Limia retrocede ao ano 137 a.C. na Festa do Esquecemento
A festa recrea a lenda romana do río Lethes e a batalla posterior
A Festa do Esquecemento en Xinzo de Limia recrea o comezo da romanización de Galicia e o choque cultural entre galaicos e latinos. Durante tres días de agosto, os habitantes da zona toman a identidade dos nosos antergos.
Ás oito da tarde deste venres abriu o Macellum, o mercado de artesáns montado con rigor histórico polos membros e voluntarios da Asociación Cultural Civitas Limicorum, os armadanzas da Festa do Esquecemento desta volta, cunha novidade como nos conta o presidente da asociación, Marcos Argibay.
"Máis sombra, máis agradable, sobe todo, máis vistosas as construcións da parte castrexa"
Comeza unha noite de irmandade entre romanos e galaicos, nada que ver cos albores da romanización dunha Galicia organizada en tribos, que reviven aquí cada ano, como tribo dos cilenos á que pertence Juan Forri.
"A primeira vez que fas caseta como hai moitos castrexos comezas de romano, unha vez que quedan prazas libres vas pasando aos escravos e despois aos celtas que aquí en Xinzo queremos ser todos celtas"
Un dos participantes noveis, romano pois, agradece a axuda dos pais para montar as casetas, pais que xa participaron na mocidade.
Todo, espazos e xentes, unha vez ao ano, retrocede ao 137 a.C. na festa con máis raigame da Limia xunto ao entroido. Os castros das tribos están formados por ducias de amigas e amigos ou familiares que levan anos participando na festa.
Será o domingo, a partir das cinco da tarde, cando se enfronten os castrexos e os invasores que atravesan o río do esquecemento que crían que era o Limia pero, ao final...
"Sempre gañan os romanos"
Non só de historia vive unha festa que ofrece concertos, teatro, exposicións e actividades infantís para todos os descendentes daqueles bravos que defenderon Galicia da poderosa Roma.