Vedra degusta a orella salgada pero tamén a doce
Uns catrocentos quilos desta carne preparáronse para homenaxear o esforzo da veciñanza de San Fins en Vedra
Tamén se ofreceron orellas de Entroido que teñen moita acollida entre a xente máis nova
A foliada continúa todo o día con actuacións musicais nunha contorna enxebre, a carballeira do souto
Coa vista posta un pouco no ceo, os veciños de San Fins, no concello coruñés de Vedra, levan dende onte traballando entre masa, viandas e adubos para celebrar a súa festa da orella, esa excelencia do porco que acompañan de pemento e aceite ao gusto.
"Comezamos onte a fregala, lavala, queimala e despois cocela e cortala. Hoxe xa máis nada, é quentar e darlla á xente. Esperemos que faga bo tempo e que veña a xente", conta Luís Varela, un veciño da parroquia de San Fins que participa na organización do evento.
"Animamos a todo o mundo, non só pola cuestión gastronómica, senón tamén polo ambiente familiar. Estamos nunha zona preciosa, nunha carballeira, típico espazo galego", recomenda dende a comisión de festas, Pablo Calviño.
Son catrocentos quilos de orella os que teñen previsto servir en racións de dous euros, e pola acollida que estaba a ter dende primeiras horas, semella que non van chegar a nada.
Pero por se as racións de orella adubada non fosen dabondo, nesta parroquia da comarca do Ulla, preto de Santiago, pensaron tamén en engadir un reclamo mais doce, e nada mellor que a orella de Entroido.
"As novas xeracións semella que a carne de porco non lles tira tanto, e si que se venden moitísimo as doces. Están tendo moito tirón", confesa Bárbara Penas, que axuda con outros veciños a elaborar as orellas do Entroido.
A carballeira do souto acollerá foliada todo o día, con actuacións musicais, empanadas e polbo acompañando as orellas, salgadas e tamén doces. A tempo están para vir desfrutala.