Un home de 78 anos falece no incendio da súa casa en Xinzo de Limia
Todo apunta a que o lume puido comezar nunha estufa
Un home de 78 anos faleceu de madrugada no incendio da súa vivenda en Xinzo de Limia, na aldea de Ganade. A Garda Civil investiga as causas do lume.
José Luís Valencia non foi quen de saír da casa. Vivía só. Contra a unha da madrugada, un veciño avisou o 112 porque viu que a vivenda comezaba a arder.
Cando chegaron os bombeiros de Xinzo e o 061 atopárono xa morto debaixo dos cascallos que provocaron as lapas, no salón na planta baixa. Ata o lugar desprazouse o seu irmán Marcial, que veu de madrugada desde Vigo.
O primeiro andar da vivenda, todo de madeira por dentro, ardeu por completo e o lume tamén afectou o segundo piso. Axentes da Policía Científica da Garda Civil buscaban este sábado pistas sobre a orixe do incendio, aínda que todo apunta a que puido comezar nunha estufa.
Conmoción este sábado en Ganade pola morte do seu veciño. O seu corpo foi trasladado ao hospital para practicarlle a autopsia. Despois, será soterrado.
