Publicador de contidos

Publicador de contidos

Miguel Tellado: "O fanatismo ideolóxico do Goberno provocou a apagada"

Miguel Tellado: "O fanatismo ideolóxico do Goberno provocou a apagada"

O portavoz do PP no Congreso atribúe o apagamento a unha neglixencia sen precedentes da que responsabiliza a Rede Eléctrica

O deputado afirma que os problemas no sistema ferroviario son resultado da política de nomeamentos de Pedro Sánchez

O voceiro popular asegura que a redución da xornada laboral é unha temeridade pola falta de produtividade en España

Miguel Tellado no Congreso esta semana. EFE/Zipi Aragón
G24.gal 11/05/2025 09:30 Última actualización 11/05/2025 09:50

O voceiro do PP no Congreso dos Deputados, Miguel Tellado, afirma que o Goberno é o principal responsable da apagada  xeral do 28 de abril.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, o portavoz popular sinalou á presidenta de Rede Eléctrica de España (REE), Beatriz Corredor, quen, o entender de Tellado, debeu de asumir responsabilidades.

"Estamos ante unha neglixencia sen precedentes da que é responsable REE, empresa privada participada maioritariamente polo Estado e da que é máxima responsable Beatriz Corredor, exministra socialista con Zapatero. Debeu asumir responsabilidades".

Miguel Tellado acusa o executivo dun "apagamento informativo para tapar todo para que os españois se esquezan dunha apagada histórica que supuxo, cando menos, a perda de cinco vidas humanas".

Debate nuclear 

O voceiro popular no Congreso cre necesario abrir un debate sobre o "mal funcionamento do sistema eléctrico español". Aféalle ao Goberno o peche das centrais térmicas "cando seguen a funcionar noutros países da nosa contorna".  

"O fanatismo ideolóxico do Goberno de Pedro Sánchez levounos á irresponsabilidade de desestabilizar o sistema e a provocar un cero eléctrico. O drama é que se España puido restablecer o abastecemento en 20 horas foi grazas ás centrais térmicas de Marrocos e ás nucleares de Francia. Vaia hipocrisía e contradición na que se atopa o Goberno de Sánchez!".

Na entrevista da Radio Galega, o Miguel Tellado acusou o Goberno de facer que o sistema eléctrico dependa da enerxía fotovoltaica e da eólica, o que, na súa opinión, dá inestabilidade ao sistema. Tamén apuntou a informes técnicos que aluden á necesidade de tecnoloxías de apoio, como os reactores nucleares, para máis seguridade.

Caos ferroviario

Miguel Tellado criticou a xestión do sistema ferroviario. O portavoz popular afeálle ao Goberno que culpe a operadoras como Iryo cando, na súa opinión, Adif é o principal responsable. Tellado fala de "colapso, bloqueo e parálise dos servizos públicos".

"O amiguismo e a politiquería de Pedro Sánchez  lévao a poñer á fronte de todas as empresas e servizos públicos persoas afíns ao PSOE, teñan ou non preparación e experiencia no que van xestionar. O sistema ferroviario está perdendo moitísima calidade e ten que ver coa política de nomeamentos".

Xornada laboral

Miguel Tellado asegurou, na Radio Galega, que dende o PP son partidarios de flexibilizar a xornada e mellorar a conciliación da vida laboral e familiar pero non sen o acordo entre os axentes sociais. O voceiro popular acusou a ministra de Traballo, Yolanda Díaz de poñerse do lado dos sindicatos.

"Reducir a xornada laboral nestes momentos é unha temeridade. As grandes empresas quizais poidan afrontala pero as pequenas non. España é o quinto país da Unión Europea  que máis produtividade perdeu dende 2018 e sendo menos produtivos ca nunca non podemos pensar en reducir a xornada laboral".

Gasto en defensa 

O voceiro parlamentario do PP sinalou que España ten que cumprir cos seus compromisos internacionais pero criticou que o Goberno non consensuase o plan para incrementar o gasto en defensa co principal partido da oposición e que tampouco o sometese a votación nas Cortes.

"Sánchez non quixo sometelo a votación porque os señores de Sumar non o comparten. España converteuse nun país que non é de fiar"

OPA sobre o Sabadell

Miguel Tellado tamén se referiu, na entrevista da Radio Galega, á OPA do BBVA sobre o banco Sabadell. Criticou a consulta popular posta en marcha polo Goberno. Ao seu entender, carece de rigor.

"Quérese consultar sobre unha fusión bancaria pero non sobre a amnistía que nin sequera ía no programa electoral. É un erro, unha patada cara adiante que non resolve absolutamente nada".

Miguel Tellado engadiu que ao PP preocúpao esta fusión porque quere que en España se garanta a competencia no sector bancario, o emprego e o financiamento a pequenas e medianas empresas (PEMES) e aos autónomos. Tamén polo servizo aos clientes.

Corrupción

O voceiro parlamentario do Partido Popular puxo o foco nas causas xudiciais abertas contra persoas do círculo de Pedro Sánchez, causas —engadiu— que supoñen "unha profunda preocupación".

"Esta semana imputaron o delegado do Goberno en Madrid e xa é a número 22. Sánchez ten tantos imputados como ministros, o que dana a imaxe do noso país".

Miguel Tellado afirmou que "nunha democracia normal o Fiscal Xeral  non podería estar sendo investigado pola xustiza por cometer, presuntamente,  delitos para prexudicar un rival político".

"Un Goberno normal debería dar explicacións. Se non pode ten que devolverlle a palabra á cidadanía e convocar eleccións".

Con todo, Tellado cre que o presidente do Goberno non dará o paso a pesar de que "a lexislatura está acabada, morta e o Goberno non ten futuro". Sinala que o único que fai é "gañar tempo e dedicarse a resistir".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade