Publicador de contidos

Publicador de contidos

A India amence en calma tras unha noite de ataques paquistanís malia a tregua

A India amence en calma tras unha noite de ataques paquistanís malia a tregua

Nova Delhi denuncia uns ataques nas zonas fronteirizas que provocaron a morte de catro de seis persoas

Paquistán confirma o cesamento do fogo inmediato coa India tras unha violenta escalada

Un home camina entre os cascallos Rehari, Jammu. REUTERS/Adnan Abidi
G24.gal 11/05/2025 08:13 Última actualización 11/05/2025 11:54

Tras o fráxil acordo de alto o fogo alcanzado entre Nova Delhi e Islamabad, a India amence este domingo en aparente calma, por primeira vez en tres semanas de intensos enfrontamentos fronteirizos con Paquistán, que levaron as potencias nucleares á beira dun conflito a grande escala.

A serenidade volveu malia que as autoridades indias denunciaron a violación da tregua por parte de Paquistán, apenas tres horas despois do seu anuncio este sábado, coa mediación dos Estados Unidos. Nos ataques, faleceron seis persoas e vinte quedaron feridas.

Un oficial da Forza Aérea india morreu nun bombardeo paquistaní no distrito de Udhampur e, no sector PS Pura, un paramilitar faleceu e oito quedaron feridos. Ambas as dúas zonas están na Caxemira administrada pola India.

A isto súmase a morte de catro civís nos ataques nas rexións fronteirizas de Poonch, Krishnaghati, Nawgam, Nowshera, RS Pura e Jammu, onde outras 15 persoas quedaron feridas.

Deste xeito, xa son 104 as vítimas mortais nas últimas semanas, na peor escalada violenta entre ambas as dúas potencias nucleares no que vai de século.

Paquistán expresou o seu compromiso co acordo e sen dar detalle sobre os ataques cometidos despois da tregua asegura que foi a India quen saltou o acordo ao abrir fogo na fronteira.

Aparente volta á normalidade

Malia o balance de vítimas, a xente que abandonara os seus fogares por temor a un conflito maior comezaron a regresar este domingo.

Os distritos de Akhnoor, Rajouri, Baramulla, Kupwara, algúns dos máis afectados durante as tres últimas semanas polos ataques paquistanís, describiron unha relativa volta á normalidade, malia que as forzas de seguridade permanecen en alerta máxima.

O conflito entre a India e Paquistán, que acordaron manter novas conversas este luns, escalou despois de que 26 turistas -maioritariamente indios- foran asasinados nun ataque terrorista na zona de Pahalgam, na Caxemira india.

Nova Deli acusa a Islamabad de estar detrás destes ataques, algo que Paquistán nega.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade