Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno sirio confirma o alto ao fogo con Israel e manda tropas ao sur do país

O Goberno sirio confirma o alto ao fogo con Israel e manda tropas ao sur do país

O enviado especial de Trump anunciara este venres en redes un acordo de cesamento do fogo entre ambos os dous Estados

Barrack chamou as poboacións drusas, beduínas e sunnitas a depoñer as armas e "construír unha nova identidade siria unida"

A violencia sectaria en Al Sueida provocou o desprazamento de 2.000 familias. REUTERS/Khalil Ashawi
G24.gal 19/07/2025 09:29 Última actualización 19/07/2025 13:27

O Goberno de Siria confirmou o cesamento do fogo con Israel anunciado este venres polo enviado especial dos Estados Unidos en Siria, Tom Barrack, e volve despregar as súas tropas no sur do país.

"A Presidencia da República Árabe Siria declara un cesamento do fogo inmediato e completo", anunciou a través dun comunicado a oficina do presidente sirio, Ahmed al Sharaa.

Segundo explica, a despregadura militar en Al Sueida pretende "garantir a aplicación do cesamento do fogo, manter a orde pública e protexer a cidadanía e as súas propiedades".

No seu perfil de X, Tom Barrack asegurara hora antes que Israel e Siria chegaran a un acordo de cesamento do fogo apoiado polos EUA e aceptado por Turquía.

"O primeiro ministro israelí @Netanyahu e o presidente sirio Ahmed al-Sharaa @SyPresidency, co apoio dos EUA @SecRubio, acordaron un cesamento do fogo, aceptado por Turquía, Xordania e os seus veciños".

O tamén embaixador dos EUA en Turquía chamou as poboacións drusas, beduínas e sunnitas a depoñer as armas e, "xunto con outras minorías, construír unha nova identidade siria unida en paz e prosperidade cos seus veciños".

Este xoves, Israel volveu bombardear a provincia de Al Sueida, no sur de Siria, malia a retirada das tropas gobernamentais sirias da rexión, tras a entrada en vigor o mércores dun cesamento do fogo entre estas e as faccións locais ás que se enfrontaban.

A organización Observatorio Sirio de Dereitos Humanos afirmou que alcanzara un grupo de beduínos, comunidade que nos últimos días protagonizou intensos enfrontamentos coa minoría drusa de Al Sueida.

Israel asegurou actuar en defensa da minoría drusa en Siria e mesmo, baixo esta premisa, acometeu o mércores bombardeos contra o Ministerio de Defensa e as inmediacións do Palacio Presidencial en Damasco.

Desprazamento de 2.000 familias

A violencia sectaria nesta provincia meridional siria, de maioría drusa e onde nos últimos cinco días se produciron enfrontamentos con tribos beduínas nos que tomaron partido os exércitos de Siria e de Israel, provocou o desprazamento de case 2.000 familias, segundo a ONU.

Os choques involucraron inicialmente grupos da minoría árabe drusa e a clans beduínos, pero o envío das forzas gobernamentais a esta rexión, onde a seguridade estaba en mans de faccións locais, abriu unha nova fronte de batalla entre estes dous últimos bandos.

A minoría relixiosa drusa, que participou activamente no derrocamento de Al Asad, mantén unha relación tensa co novo goberno islamita en Damasco e négase ata o de agora a permitir a entrada de forzas regulares en Al Sueida.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade