Falece José Luis Armada, primeiro alcalde de Cariño e impulsor da segregación de Ortigueira
O Concello decretou tres días de loito oficial polo exrexedor ao consideralo "figura fundamental da historia do municipio"
José Luis Armada. TVG (Arquivo)
O socialista José Luis Armada, primeiro alcalde de Cariño tras a segregación desta localidade do municipio de Ortigueira en 1988, faleceu este mércores aos 73 anos de idade, segundo confirmou o Concello, que decretou tres días de loito oficial.
O Goberno local, liderado con maioría simple e en solitario polo PP, lamentou "profundamente" a súa morte e afirmou que o dirixente foi "unha figura fundamental na historia do noso municipio".
Rexedor entre 1988 e 1995, volveu ocupar ese posto entre os anos 2003 e 2011 e dedicou, segundo o consistorio, "moitos anos da súa vida ao servizo" da vila e da súa xente.
Así, lembrou o Concello que "a súa figura foi especialmente importante no proceso de segregación de Cariño de Ortigueira".
Armada promoveu a creación do concello de Cariño
Armada, por entón presidente da asociación veciñal San Bartolo, "liderou o movemento veciñal que impulsou a creación do noso concello", precisou o Goberno local, que indicou que ese proceso "culminou o 21 de xaneiro de 1988 coa aprobación da segregación de Cariño, sendo posteriormente o primeiro alcalde".
"Contribuíu tamén á transformación e consolidación de Cariño como municipio, impulsando a posta en marcha de servizos e infraestruturas fundamentais para a nosa vila e para as súas parroquias; o seu compromiso coa mellora da vida da nosa xente forma parte do legado que deixa no Cariño que hoxe coñecemos", engadiu.
PSOE, PP e BNG lamentan a súa morte
A súa formación, o PSOE de Cariño, lamentou "profundamente" o falecemento do exrexidor, do que remarcou que tamén foi representante na Deputación da Coruña e secretario xeral do partido na vila durante máis de dúas décadas.
O grupo político afirmou que foi unha "figura fundamental no proceso de segregación en 1988 como presidente da asociación de veciños" e trasladou as súas "condolencias á súa familia e amizades".
O PP de Cariño, que goberna en solitario e sen maioría absoluta, mostrou as súas "máis sinceras condolencias a familiares, amigos e compañeiros", mentres que o BNG, que completa a corporación, lamentou "profundamente a perda de José Luis Armada, primeiro alcalde de Cariño".